Feixoo amósase “sorprendido” polo auto xudicial sobre as caixas

O representante da Xunta recorda que a fusión das entidades financeiras galegas foi aprobada polo Banco de España. No entanto, a oposición xa reclama que se recupere a comisión de investigacións sobre este asunto.

 

EuropaPress_3351223_titular_gobierno_gallego_alberto_nunez_feijoo_rueda_prensa_consello_xunta
photo_camera Alberto Núñez Feixoo falou da súa sorpresa. (Foto: David Cabezón / Xunta)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, comentou esta terza feira -xusto cando a oposición tamén reclama que se retome a comisión de investigación sobre a fusión das caixas galegas- que lle “sorprende moito” que este tema, que se está a tratar pola vía penal, leve a un auto no que se “fale da solvencia das caixas galegas”.

 

En calquera caso, o dirixente quixo deixar claro que esa unión das entidades financeiras galegas foi autorizada polo Banco de España.

 

O tema volveu saír a debate porque hoxe sóubose que un auto da sala do penal da Audiencia Nacional no que se indica que a intervención do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) nas caixas tivo como “única razón” a “situación económico-financeira na que se atopaba, en 2010, Caixa Galicia, antes de que se producise a fusión".

O escrito xudicial continúa indicando que "Caixanova nunca sería intervida se non se viu obrigada a fusionarse con Caixa Galicia, dando lugar a NovaCaixaGalicia".

Feixoo recalcou que o primeiro que hai que facer é ler con calma o documento, pero polo de pronto non dubidou en verbalizar a súa “sorpresa”.

Engadiu que neste pronunciamento legal "se emenda a plana ao Banco de España", que "foi o que dixo que había que fusionar as caixas por criterios de solvencia".

"Se o Banco de España non actuou de forma correcta, pois non o sei, pero o que si digo que a decisión da fusión das caixas, ademais de que a comunidade e o Parlamento por maioría pedísemos a fusión das caixas, é do Banco de España", subliñou.

Comentarios