23-X

Abertos os colexios electorais con 100% das mesas constituídas

Desde a Delegación do Goberno estatal controlan o desenvolvemento da xornada (Foto: Delegación do Goberno na Galiza).
photo_camera Desde a Delegación do Goberno estatal controlan o desenvolvemento da xornada (Foto: Delegación do Goberno na Galiza).

Os máis de 2,2 millóns de electores e electoras galegas poden acudir desde as 9 horas deste domingo aos seus colexios electorais a depositar os seus votos para as eleccións estatais que se celebran esta xornada.

Este 23 de xullo as electoras poderán exercer o seu dereito a voto nas 3.960 mesas distribuídas en 2.350 colexios electorais no país galego.

As mesas comezaron a constituírse ás 08,00 horas e, segundo os datos recollidos polo Ministerio do Interior, ás 09,05 horas constituíronse na Galiza 99,39% das mesas.

Pouco despois quedaba confirmado que as 3.960 mesas electorais que se puxeron a disposición dos máis de 2,2 millóns de electores galegos este domingo para que exerzan o seu dereito a voto nestes comicios xerais xa estaban constituídas.

Así, 100% das mesas distribuídas en 2.350 colexios electorais quedaban constituídas pasadas as 09,20 horas, segundo informou o Ministerio do Interior na páxina web habilitada para o seguimento dos datos desta xornada electoral.

Estas eleccións decidirán un total de 23 deputados e deputadas: oito na Coruña, sete en Pontevedra, catro en Lugo e catro en Ourense.

Tamén elixirán a 16 senadores: catro por provincia, á marxe dos senadores elixidos por designación autonómica.

En total, proclamáronse 38 candidaturas ao Congreso e 34 ao senado.

Comentarios