A mina de Corcoesto chega a Europa

A deputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda solicitou á Comisión Europea que se pronuncie sobre a legalidade do proxecto.

A explotación mineira proxectada no concello de Cabana de Bergantiños da man dunha empresa canadense, ten previsto o uso de cianuro, un dos produtos altamente contaminantes desaconsellados dende 2011 polo Parlamento da Unión. Neste senso, Ana Miranda solicitou ao comisario de Medioambiente, o esloveno Janez Potônik, que ditamine se o proxecto se axusta á normativa comunitaria en materia medioambiental, en particular a respecto da normativa de augas.
O imparco medioambiental provocado polo estabelecemento da explotación mineira sería especialmente agresivo sobre os recursos hídricos, mais tamén suporía un aumento notábel de emisións de radon -un gas canceríxeno.

O proxecto, que preve a construción dunha mina de ouro a ceo aberto, xa foi denunciado pola Plataforma pola defensa de Corcoesto, por incumprir a lexislación de minas, así mesmo na Plataforma quéixanse de que o proxecto non carrexa "moita da documentación mínima" esixida polo artigo 41 da Lei 13/2011 de 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.

A Xunta de Galiza defendeu en todo momento a posta en marcha deste proxecto mineiro alegando que suporía “unha oportunidade” para a zona ao xerar novos postos de traballo. Neste senso, a Plataforma, organizacións ecoloxistas e o propio Bloque Nacionalista Galego, denunciaron en múltiples ocasións que os supostos postos de traballo serían, en todo caso, “temporais e provisionais” e non superarían @s 20 empregad@s.

Comentarios