37 por cento de participación na consulta de En Marea sobre a censura impulsada por Podemos

As e os inscritos de En Marea foron chamados a votar sobre se apoiaban ou non unha moción de censura que xa fora apresentada a pasada sexta feira nun acto perante a imprensa en que tomou parte Antón Gómez-Reino, dirixente de Podemos e portavoz da confluencia galega no Congreso.

Primarias En Marea
photo_camera Primarias En Marea

A participación na consulta de En Marea estivo en 37,02 por cento, practicamente o duplo da rexistada no referendo realizado por Podemos entre as súas bases no Estado. A diferenza é que a consulta de Podemos foi feita antes de rexistar a moción. A de En Marea, despois.

Os dados da consulta de En Marea son os seguintes:

Censo total: 2061
Votos emitidos: 763
Participación: 37,02%
A favor: 649 (85,06%)
En contra: 114 (14,94%).

Nun comunicado, En Marea avalía que "este resultado é un apoio claro das bases de EM para que esta preste o seu apoio político á moción de censura", polo que "En Marea pasará a dar conta del ao grupo confederal". 

A pergunta que se submetía a consideración das e dos inscritos era: “Estás de acordo en que En Marea preste o seu apoio político á Moción de Censura impulsada polo Grupo Parlamentar de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea no Parlamento Español?".

O candidato á presidencia do Goberno que propón esta moción é Pablo Iglesias, o líder de Podemos. 

Comentarios