Hita Gómez, presidente da asociación cultural O Garabullo

“Os veciños de Carballedo debiámoslle esta homenaxe a Domínguez”

O próximo 26 de xuño, a asociación cultural O Garabullo organiza en Carballedo un acto de homenaxe ao filántropo galeguista Francisco Domínguez Mosquera. A presidenta da entidade promotora, Hita Gómez, explica a Nós Diario o programa e os obxectivos do acto.  

Hita
photo_camera Hita Gómez, presidenta da asociación cultural O Garabullo. (Foto:Nós Diario).

Que destacaría da figura de Francisco Domínguez e que razóns os levou a organizar esta homenaxe?

O seu compromiso político e social coa Galiza e de xeito excepcional con Carballedo onde naceu o 2 de maio de 1889, dedicándose a financiar e a traballar  persoalmente  en proxectos que buscaban o progreso nesta zona.

Entre estes eu destacaría, a construción da escola de San Paio (Barrela) en xaneiro de 1934, financiando ademais a vivenda e o salario do mestre. Para celebrar a inauguración da  nova escola, organizou o 10 de xuño de 1934 unha festa amenizada polos gaiteiros e polas palabras de Otero Pedrayo, Vicente Risco, Suárez Picallo e Alexandre Bóveda sobre as necesidades educativas do pobo galego. Pola tarde participaron nun banquete e o día seguinte 59 estudantes iniciaron unha excursión, tamén financiada por Francisco Domínguez, que recorreu toda Galiza durante unha semana co obxectivo de favorecer a inmersión cultural destes rapaces.

Do labor de Domínguez, compre destacar, tamén, a electrificación da Barrela e San Paio, subministrando a estas dúas localidades auga potábel, recursos médicos e veterinarios. Tamén pavimentou o camiño que conectaba estas dúas poboacións coa estrada de Chantada e na súa condición de presidente da sociedade cubana Chantada, Carballedo e as súa comarcas impulsou a da escola de Vilaquinte e de Merlán en Chantada.

Por último, lembrar o apio ao estudo da cultura e a lingua galega como socio protector do  Seminario de Estudos Galegos, a súa militancia activa no Partido Galeguista, participando en mitins e chegando a ser proposto como compromisario para a elección de presidente da República e a fundación do Sindicato Agrario de Carballedo, coa finalidade de intentar dar solución as distintas problemáticas que meses momento existían no agro galego e concretamente  nesta zona.

Que memoria fica entre a veciñanza de Carballedo de toda esa labor social e política de desenvolvida por Domínguez?

Realmente é triste, pero hai moito descoñecemento entre a veciñanza de Carballedo da súa labor social e política. As persoas máis vellas do concello, coñecíano polo “Pancho da Barrela" ou polo “Rico de San Paio”, pero non se trasladou ás seguintes xeracións a importancia que este veciño tivo no desenvolvemento desta zona naquela época, así como todo o que levou a cabo nun período tan curto de tempo. De aí a necesidade desta homenaxe por parte dos veciños. Creemos que é algo que lle debiamos, a recuperación da súa memoria, para que non siga no esquecemento e para que o teñan presente as futuras xeracións.

Que actos teñen previsto para homenaxear a traxectoria de Domínguez o vindeiro domingo 26 de xuño?

O 26 de xuño as 11 da mañá imos a ter no colexio público da Barrela un acto ao que asistirán Moncho Ermida, Uxío Breogán Diéguez e o propio neto de Francisco Domínguez,  Frank Domínguez, que ven de Estados Unidos para asistir á homenaxe.Tamén estaremos acompañados pola agrupación musical “Os Parentes”.

A continuación, no pobo de San Paio, onde naceu colocaremos unha placa conmemorativa. Posteriormente na oficina de Turismo de Castro inauguraremos unha exposición dedicado a súa labor social e política, para rematar cun xantar ó que animamos a participar a todos os veciños de Carballedo tal como o fixeron fai 88 anos, cando inauguraron a  escola de San Paio.

En referencia a exposición, esta vaise poder visitar durante un período de tempo non concretado aínda. Ademais dado o interese que está desapertando Francisco Domínguez  faranse outros actos ó longo do verán.

Unha das persoas, polo que esta dicindo, que vai estar presente nos acto é Frank Domínguez, único neto do homenaxeado, que lles trasladou sobre o seu avó?

O que nos trasladou o seu neto Frank Domínguez foi un gran interese por esta iniciativa e pola figura do seu avó, facilitándonos toda a documentación que ten o respecto, así como a información que foi recompilando a través das noticias que se publicaron de Francisco Domínguez Mosquera nos distintos medios de comunicación da época. De feito, sabemos que está moi interesado en calquera información que se lle poda facilitar tanto da figura do seu avó como da súa avoa Celsa Fernández González.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios