'Pancho da Barrela' destacou polo seu labor social e compromiso político coa Galiza

Carballedo recupera a memoria do filántropo nacionalista Francisco Domínguez

Francisco Domínguez foi coñecido por toda a Galiza nacionalista do período republicano como 'Pancho da Barrela'. Foi emigrante, filántropo, promotor de diversas experiencias educativas, militante do Partido Galeguista e, por último, exiliado. Agora, as súas veciñas e veciños de Carballedo recuperan a súa memoria.
Florentino L. Cuevillas (terceiro pola esquerda), seguido de Francisco Domínguez, con bandeira galega na chaqueta, e Otero Pedraio, en 1934. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Florentino L. Cuevillas (terceiro pola esquerda), seguido de Francisco Domínguez, con bandeira galega na chaqueta, e Otero Pedraio, en 1934. (Foto: Nós Diario)

O municipio de Carballedo, na comarca de Chantada, homenaxeará unha parte substantiva da súa historia contemporánea. O próximo 26 de xuño, a asociación cultural O Garabullo restaurará a memoria de Francisco Domínguez Mosquera cunha mesa redonda arredor da súa figura e unha exposición fotográfica que recollerá imaxes da vida social, cultural e política deste concello nos anos trinta. A este respecto, a voceira do colectivo, Hita Gómez, adianta a Nós Diario que a mostra vai contar con "fotos da inauguración da escola da Barrela, da excursión escolar pola Galiza dos nenos do concello ou do mitin do Estatuto na escola da Barrela en xuño de 1936".

O acto vai contar coa presenza do único neto do homenaxeado, Frank Domínguez. Segundo sinala Hita Gómez, "o neto vai vir desde os Estados Unidos, onde traballa como profesor de lingua e literatura españolas na Universidade de Carolina do Norte, para falarnos da historia do seu avó". Frank Domínguez estará acompañado na mesa pola propia Hita Gómez, o historiador da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez e o investigador Ramón Ermida Meilán.

Carballedo en Cuba

Gómez recoñece que a presenza de Francisco Domínguez na memoria veciñal está difusa. "Hai algunha xente moi maior que me ten falado de Pancho Domínguez, do labor da sociedade de emigrantes de Carballedo en Cuba na promoción social e cultural do concello. Porén, parte da súa actividade é descoñecida pola gran maioría da veciñanza", afirma a presidenta do Garabullo, explicando que "o acto de homenaxe a Pancho Domínguez é un primeiro paso, ao que se dará continuidade noutros anos, co obxectivo de rescatar do esquecemento a historia da nosa localidade así como os feitos e as persoas que a marcaron".

A historia de Carballedo nas primeiras décadas do século XX non se explica sen  Francisco Domínguez. Neste sentido, destacouse pola súa obra filantrópica que o levou a pagar do seu peto a electrificación da súa aldea natal, financiar o camiño veciñal que une San Paio coa estrada da Barrela e Castro en Carballedo e erguer a conta dos seus aforros a escola da Barrela, asumindo o mantemento do centro e o pago do ensinante. Precisamente, este centro desenvolveu unha actividade educativa exemplar, á vangarda das experiencias pedagóxicas renovadoras.

O apoio á educación

Os escolares de Carballedo fixéronse famosos na Galiza grazas a unha longa excursión polo país e cuxos custos correron a conta de Domínguez. A prensa galega recolleu varias crónicas da viaxe, sinalando que "arrancou a 10 de xuño [de 1934], após unha gran festa campestre na Barrela, onde tomaron a palabra Ramón Otero Pedraio, Ramón Suárez Picallo e Alexandre Bóveda". Porén, a súa aposta polo impulso á educación arrancou da súa etapa como dirixente da sociedade de emigrantes 'Chantada, Carballedo e a súa comarca', que ergueron entre outras as  escolas de Merlán e A Laxe en Chantada e a de Vilaquinte en Carballedo.

Domínguez, unha vez retornado en 1930 á Galiza cun importante patrimonio de Cuba, onde botou 26 anos emigrado, dedicouse, practicamente a templo completo á actividade social, cultural e política.

Impulsor e presidente do Sindicato agro-cultural de Carballedo, cuxa práctica destacou pola defensa insubornábel dos intereses dos labregos e pola defensa da modernización da actividade agraria, significouse como socio do Seminario de Estudos Galegos e militante do Partido Galeguista (PG) desde a súa fundación.

O seu labor foi decisivo para a organización do nacionalismo na comarca de Chantada. Primeiro na organización das estruturas locais do PG en Carballedo, Chantada e Taboada, despois nas campañas de axitación política, destacando a campaña das eleccións de febreiro de 1936 e no proceso do Estatuto de 1936, no marco da cal decorreu o famoso mitin da Barrela de 21 de xuño, coa participación do presidente do PG en Lugo Xosé Ramón Fernandez Oxea, do seu secretario de organización, Servando Gómez Aller de la Vallina, do seu secretario xeral, Ánxel Fole, e do propio Francisco Domínguez.

A morte de Pancho da Barrela no exilio

Francisco Domínguez viuse obrigado a abandonar Galiza en setembro de 1936 para fuxir da represión fascista. Após unha travesía en barco co seu fillo Paquiño desde Francia a Estados Unidos, desembarca en Cuba o 4 de novembro de 1936. O 3 de outubro de 1937 morre na Habana con 49 anos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios