Otero Pedrayo, máis forte que a morte

Ramón Otero Pedrayo naceu en Ourense hai 130 anos. Foi o 5 de marzo de 1888. Morreu, desta vez si, en 10 de abril de 1976, hai 42 anos. En 1929 houbo de morrer por vez primeira. Pero resultou máis forte que a morte.

Screen Shot 2018-03-30 at 12.44.41
photo_camera Comensais na homenaxe a Ramón Otero Pedrayo polo seu ingreso na Real Academia Galega en 1929.

Chegou Otero ao mundo no seo dunha familia fidalga, culta e liberal. Cursou o Bacharelato en Ourense e en Madrid a licenciatura en Dereito e Filosofía e Letras. Voltou a Ourense para se converter nunha das figuras máis dinámicas do ambiente cultural do Ateneo, xunto con Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Primitivo Rodríguez Sanjurjo. Con este grupo, completamente desligado da cultura e política galegas, Otero dará os seus primeiros pasos na literatura, intervindo na redacción da revista La Centuria (1917-1918).

Pouco despois, a instancias de Antón Losada Diéguez, Otero comeza a dar voltas arredor de si e o grupo, e máis el, toma consciencia da problemática do país. Otero ingresa nas fileiras do galeguismo. En 1919 gaña as oposicións a cátedras de ensino medio e axiña foi destinado ao Instituto de Ourense. A partir de agora vai dedicarse ao cultivo das nosas letras nos ámbitos máis diversos, distinguíndose como un dos máis insignes polígrafos galegos. Colabora en diferentes xornais e revistas, desenvolve unha intensa actividade na sección de Xeografía e Historia do Seminario de Estudos Galegos e principia o seu labor como escritor. 

Por estas datas aparece a súa primeira obra narrativa, a novela curta Pantelas, home libre (1925), á que seguirán Os camiños da vida, Arredor de sí, A romaría de Xelmirez. Tamén cultivou Otero o relato breve e o ensaio, fundamentalmente de carácter histórico, xeográfico e literario, ao tempo que se revelaba como orador de extraordinarias cualidades, espontáneo e exuberante.

A instancias de Antón Losada Diéguez, Otero comeza a dar voltas arredor de si e o grupo, e máis el, toma consciencia da problemática do país

Participa na fundación do Partido Galeguista e sae elixido, en 1931, deputado das Cortes Constituíntes. No seo do Partido, Otero situábase ideoloxicamente no bando conservador, mais acatou a decisión da maioría cando esta optou pola integración na Frente Popular. Ao comezar a guerra civil, a pesar do seu talante conservador e relixioso, Otero foi expedientado, cesado como catedrático de instituto e retirouse á casa familiar de Trasalba. Desde alí colaborou puntualmente na prensa americana, en publicacións madrileñas e catalás e, xa a mediados da década de corenta, con maior asiduidade en diferentes xornais galegos. Deixamos aquí a súa biografía para irmos ao accidente de 1929.

O accidente

Otero Pedrayo debía ingresar na RAG o sábado 30 de novembro de 1929. Reféreo El Pueblo Gallego, de venres 29 de novembro: "Mañá sábado, ás sete e media da tarde terá lugar a recepción de académico de número de don Ramón Otero Pedrayo”. 

Mais non o fixo até o luns 9 de decembro. Motivo: un accidente de coche ao pé da Torre de Hércules, tan repercutido que aínda tres meses despois a revista Vida Gallega dá resposta tranquilizadora ás peticións de información que lle chegan sobre a sorte “do grande prosista, honra da xuventude galega”.

Screen Shot 2018-03-30 at 12.46.49La Zarpa, terza 3 de decembro,  conta que Otero chegou á Coruña o sábado 30 de mañá, non o 1 de nadal como di Grial-52. A primeira hora da tarde “o matrimonio colleu un taxímetro para ir á Torre” e "despois de permanecer alí bastante tempo” decidiron regresar. Entón o coche, co condutor fóra e os pasaxeiros dentro, iniciou a marcha monte abaixo, volteou dúas veces até parar nunha pedra.


Das feridas e contusións axiña recuperou, pois, como di Ánxel Casal, en carta a Cabeza de León: “É moito HOME este D. Ramón... despois do da Torre e a pisadura do faco... dou mostra de que é máis forte que a morte". 

A morte chegou en 10 de abril de 1976, hai 42 anos. Mais a súa figura, o seu pensamento e a súa obra seguen aí. Dando voltas arredor de si, arredor de nós.
 

Comentarios