"As guerrillas galegas ao descuberto"

Carlos Nuevo: "O comité “Tchapaief” é a primeira das guerrillas organizadas na Galiza"

Carlos Nuevo Cal (Viveiro, 1958) é un dos veteranos nos estudos da memoria na Galiza. Cronista oficial de Viveiro, autor desde hai décadas dunha chea de investigacións sobre os movementos sociais e políticos nas primeiras décadas do século XX, achégase na terza e cuarta feira no coleccionábel de Nós Diario a historia da guerrilla na Mariña.

Carlos Nuevo
photo_camera Carlos Nuevo Cal. Foto: Nós Diario

 Como e cando xorden os primeiros núcleos de resistencia armada na Mariña?

Os primeiros núcleos de resistencia armada na Mariña xorden dende os primeiros días do golpe militar, coa constitución dos chamados comités de defensa da República, a incautación de armas aos elementos considerados de dereitas,  a defensa das principais localidades e, no caso concreto de Viveiro, coa organización e envío á Coruña dunha columna motorizada de obreiros, mariñeiros e mineiros, seguindo a chamada de auxilio do gobernador civil da provincia.

Logo do trunfo da sublevación militar e ante os inicios da represión fascista distintos militantes dos partidos e sindicatos republicanos e de esquerdas comezaron a agocharse de xeito individual ou ben a botarse ao monte en pequenos grupos. A partir da primavera de 1937, a maioría destes fuxidos comezarían a formar pequenas partidas coa finalidade de sobrevivir ou tratar de fuxir cara Asturias.

" O exemplo auto organizativo no comité “Tchapaief" deixou unha pegada permanente nas actuacións  e no devir do movemento guerrilleiro na Mariña"

A primeira guerrilla galega, o comité “Tchapaief” constitúese precisamente nesa comarca en 1938, que significaría da mesma?

Certamente, o comité guerrilleiro “Tchapaief” fundouse nas terras de Ortegal e Viveiro en 1938, uns meses antes do final da guerra, coa finalidade de abastecerse de alimentos, menciñas, roupa, calzado, armas, municións, medios de propaganda e demais necesidades. Elixiuse unha dirección na que estaban representadas todas as sensibilidades políticas -anarquistas, socialistas, galeguistas, comunistas e non adscritos-, elaboráronse os estatutos e estudáronse distintas estratexias para tratar de acadar o maior éxito nos golpes económicos. Así mesmo, debemos recalcar a relevancia deste comité, pois é a primeira das guerrillas organizadas en toda Galiza. A súa importancia foi moi grande en canto a que elevou as posibilidades de supervivencia e calidade de vida dos seus compoñentes. Ademais, tivo un grande significado a nivel organizativo, político e defensivo ao constituírse como a primeira iniciativa propia e totalmente autónoma, sen ningún tipo de influencia allea ou partidaria. Malia aos cambios producidos no comité “Tchapaief” e a súa desaparición, por diferentes motivos, o seu exemplo auto organizativo deixaría unha pegada permanente nas actuacións  e no devir do movemento guerrilleiro na Mariña.

A aparición da III Agrupación está moi asociada a guerrilleiros comunistas que desenvolven a súa acción nas terras de Viveiro, como foi ese proceso?

Dun xeito moi sucinto, podemos dicir que o nacemento da III Agrupación produciuse dentro da Federación de Guerrillas de León-Galicia, á que se adheriron a maioría, non a totalidade, dos guerrilleiros que xa viñan actuando como tales nas terras de Ortegal-Viveiro. A pluralidade ideolóxica era grande e aínda que inicialmente existía unha destacada representación dos militantes anarquistas e dos comunistas, co paso do tempo estes últimos foron acadando unha maior presenza na guerrilla por distintos factores. Entre outras, podemos destacar que moitos sindicalistas presentáronse despois da guerra e algúns outros faleceron nos montes neses anos por varios motivos. Mentres, o Partido Comunista decidiu organizar e militarizar ás guerrillas, enviando continuamente distintos cadros políticos con esta finalidade, ao tempo que decidiron constituír toda unha rede de comités locais e comarcais do partido e da resistencia en moitas poboacións da Mariña, contando coa presenza continuada de diversos enlaces galegos e, en menor medida, dalgúns asturianos. Durante os anos de 1945 e 1946, a Unidade nº 1 da III Agrupación permaneceu moi vinculada á Unión Nacional e ao comité provincial do Partido Comunista de Lugo, até a súa caída a principios de 1946.

Que representou para a resistencia armada na Mariña a fuxida en barco a Francia a finais de 1946 de 22 guerrilleiros que actuaban na zona?

A fuxida a Francia no vapor de pesca Santa Teresa con guerrilleiros e enlaces das unidades de Pontedeume e Viveiro, constituíu unha grande sorpresa para a dirección do P.C. no exterior que aínda non cambiara a táctica política de enfrontamento ao franquismo e mantiña a loita armada como un dos métodos para derrubar ao réxime.

Os guerrilleiros de Viveiro levaban moitos anos intentando realizar unha fuga polo mar, houbo máis de tres intentos antes de conseguir fuxir en decembro de 1946. Os motivos principais para realizar a fuga, a costas totalmente da dirección, temos que buscalos no desengano producido pola non intervención dos aliados despois da  vitoria da Guerra Mundial contra o fascismo, nas vicisitudes pasadas ao longo de máis de dez anos nos montes, nas moitas baixas producidas e na gran represión exercida sobre as familias dos resistentes, sometidas a duras penas de cárcere, campos de concentración, continuadas multas e todo tipo de arbitrariedades.  Por todo isto, a maioría dos guerrilleiros, as súas familias, enlaces e amizades consideraron un éxito e unha liberación o feito de poder arribar a Francia.

Evidentemente, para a loita guerrilleira da Mariña a fuxida significaba o desmantelamento dos principais activos e a deserción da maioría dos veteranos da resistencia. Mais, outra volta, o empeño, capacidade e espírito de loita dos militantes do P.C. farían posible a reorganización da guerrilla na Mariña.

"Tras a  morte de Xosé Temblás  e a posterior presentación dalgúns guerrilleiros que pertenceran a III Agrupación como coma “Tizón” e Plácido, o movemento guerrilleiro da Mariña deuse por totalmente desartellado"  

Como foron os anos finais da guerrilla na Mariña, moi particularmente o período que vai desde 1946 até a caída de Silán en Muras e a posterior morte de José Temblás?

A pregunta ou preguntas son dunha grande complexidade, pois a loita guerrilleira na Mariña e en especial nos anos finais precisa dun amplo traballo monográfico no que trataremos de aclarar polo miúdo o que aconteceu realmente. Tan só direi que unha vez reconstruída a III Agrupación cos poucos membros que ficaron nos montes e a incorporación de distintos enlaces “queimados”, a dirección do P.C. da Coruña (IV Agrupación) con Gayoso e Seoane ao fronte, imprimiulle ao Exército Guerrilleiro de Galicia unha acentuada pegada militar e un grande control ideolóxico. Por mor do incremento das accións guerrilleiras produciuse unha maior reacción das forzas represivas, reforzadas coa chegada de distintos membros da “Brigadilla” que fixeron uso de novos métodos represivos, así como das infiltracións, das delacións ou, mesmo, das promesas de reinserción social. Neste contexto de continuados enfrontamentos e intentos solapados de negociacións con determinados guerrilleiros produciríanse varias desercións e as mortes da maioría dos resistentes  como foi o caso da caída de Silán-Muras (grupo pertencente á IV Agrupación). Logo da morte de Xosé Temblás, acontecida o 30 de outubro de 1949 en Pazos-Monfero e a posterior presentación dalgúns guerrilleiros que pertenceran a III Agrupación como Jesús Iglesias Escourido “Tizón” e Plácido Rivera Cociña, o movemento guerrilleiro da Mariña deuse por totalmente desartellado.  

                          

Comentarios