'Os Nomes do Terror'

Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro: “Os executores sabían moi ben a quen había que eliminar”

Carlos Nuevo Cal (Viveiro, 1958) é un dos veteranos nos estudos da memoria na Galiza. Cronista oficial de Viveiro, autor desde hai décadas dunha chea de investigacións sobre os movementos sociais e políticos nas primeiras décadas do século XX, achégase neste traballo que a terceira feira pública Nós Diario en 'Os Nomes do Terror'  aos vitimarios na Mariña
Carlos Nuevo
photo_camera Carlos Nuevo

Fai parte da primeira xeración de historiadores que comezou a investigar a represión na Galiza a finais dos 70 e comezos dos 80, como foron recibidos aqueles traballos?.

Certamente, aqueles anos foron complicados a nivel de investigación porque permanecían pechados os arquivos militares e o acceso á documentación era realmente difícil. De feito, en moitas poboacións como Viveiro recibiran ordes para queimar ou destruír os arquivos de Falanxe e toda aquela documentación “sensíbel” que puidese comprometer aos membros máis destacados da ditadura franquista. 

Por estes motivos, tivemos que recorrer inicialmente ás fontes orais e, realmente, foi fundamental poder contar cos testemuños de moitos dos protagonistas que sufriran en carne propia a represión, pois pese aos descoñecementos que tiña naqueles momentos obtiven claves e informacións que non aparecen, evidentemente, nas causas ou na prensa comarcal e local. Na actualidade, un dos grandes perigos que corren os novos investigadores é o de reproducir textualmente a información das causas militares, que son imprescindibles en canto a datas, nomes, determinados informes, fotos e propaganda incautada, pero que teñen un grande perigo senón as contrastamos ben con outras fontes, xa que deste xeito poderíamos   seguir propagando o que os franquistas quixeron deixar escrito.

Aínda que existían distintas publicacións da represión en Galiza e da guerra civil por parte de Castelao, Luís Seoane, Maruja Mallo, Lorenzo Varela ou Xerardo Álvarez Gallego, o certo é que houbo que agardar até a publicación do libro  A guerrilla antifranquista en Galicia de Hartmut Heine e polos primeiros traballos de Bernardo Maiz, Dionisio Pereira, M. González Probados, Paco Carballo para comezar a estudar os tempos da República e da represión.  Logo, virían publicacións como o monográfico de A Nosa Terra. O 36 en Galiza (1986) e, ao ano seguinte, Os anos despois (1936-1953), cadernos nos que participaron personaxes senlleiros como Lois Tobío, Santiago Álvarez, César Ríos, Ísaac Díaz Pardo, Avelino Pousa Antelo, Gustavo Luca de Tena… e as xeracións de investigadores máis novos nacidos entre 1950 e 1960 como Xan Carballa, Afonso Eiré, Dionisio Pereira, Bernardo Maiz, Bieito Alonso, Marcos Valcárcel, Xesús Torres Regueiro, Eduardo Gutiérrez, Mª Carme Pérez Pais e eu mesmo. As revistas tiveron un grande éxito de tiraxes e comezaron a sementar conciencia sobre a resistencia de Galicia ao golpe militar e ao franquismo.

No anos finais da República A Mariña estaba agromando unha nova sociedade moi   politizada e con ampla conciencia cidadá que comezaba a disputarlle o seu dominio ás oligarquías tradicionais

En 1992, A Nosa Terra publicou o libro Os conquistadores modernos. Movemento obreiro na Galiza de anteguerra, coordinado por Dionisio e no que tamén participei xunto con Gérad Brey, Luís Domínguez Castro, Bieito Alonso, M. G. Probados e Xesús Torres Regueiro. Foi un gran éxito editorial ao estudar o obreirismo en distintas cidades e vilas galegas. Únicamente houbo algunhas críticas veladas por parte daqueles que consideraban que era moi cedo para escribir sobre un pasado recente.

Na década dos 90 novos e novas investigadoras publicarían diversas achegas grazas á xenerosa iniciativa de Ísaac Díaz Pardo, de Ediciós do Castro e doutras editoriais como A Nosa Terra, Xerais, Laiovento, Positivas, Embora ou Galaxia. Posteriormente, durante os anos de 2003, 2005 e 2009 celebráronse os Congresos da Memoria en Narón, Culleredo e A Coruña, e tempo despois xurdirían novas asociacións memorialistas, mesmo as Universidades implicaríanse definitivamente nas investigacións sobre a represión co proxecto “Nomes e Voces”. Finalmente, Sermos Galiza e na actualidade Nós, continúan coa recuperación da nosa memoria con éxitos editoriais tan significativos como Os nomes do terror, o libro máis vendido na Galiza nos últimos anos.  

Transcorridos practicamente máis de 40 anos das súas primeiras publicacións sobre o período republicano e a represión na Mariña que significaría da dinámica social e política nesa comarca nos anos anteriores a 1936?

A sociedade mariñá durante os anos da República experimentaba importantes diferenzas entre as tres grandes vilas históricas, Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo, e as poboacións do interior, máis rurais e dependentes dos vellos caciques da Restauración. En troques, as vilas mariñeiras amosaban un maior dinamismo, cunha sociedade máis concienciada e organizada, así no sector do mar destacaban sindicatos como “Sociedad de Trabajadores en los Muelles y Puertos de la Ría de Viveiro” (UGT), “Sindicato Único de la Industria Pesquera y sus Derivados”, de Celeiro (CNT) e “Sociedad de Cargadores y Descargadores de Buques do porto de Viveiro” (CNT). Aínda que a UGT foi inicialmente maioritaria na pesca e nas industrias conserveiras, axiña a CNT superouna amplamente, estendendo o seu dominio a través da “Intercomarcal do Mar” que actuaba dende Cedeira, Cariño, O Barqueiro, Viveiro, San Cibrao, Foz até o porto de Ribadeo.

Os sindicatos uxetistas e cenetistas tamén estaban presentes na construción e no sector secundario a través das minas de ferro da Silvarosa e da Pontenova, da fábrica de carrozarías de automóbiles de Barrro-Chavín, dos serradoiros, das obras de construción do ferrocarril e doutras pequenas industrias. Ademais, existía un importante tecido de sindicatos  agrarios que naceran anos antes baixo a influencia da Igrexa e dos emigrados americanos que tan grande labor fixeron na Mariña coa construción e equipamento de multitude de escolas.

Dende o punto de vista político, na Mariña o PSOE tiña unha destacada representación na maioría das poboacións urbanas, mentres que o republicanismo de centro esquerda, nas súas diferentes acepcións partidarias prendera entre os sectores da mediana burguesía vilega. O anarquismo mantiña en Viveiro unha importante presenza entre os obreiros e, mesmo, chegou a organizarse un pequeno fato de militantes da FAI; en canto ao PCE era un partido de cadros, moi minoritario, que comezou medrar a partir do trunfo electoral da Fronte Popular; mantendo células en Viveiro, San Cibrao e Ribadeo. En canto ao Partido Galeguista tamén tiña unha destacada presenza en distintas vilas como Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo. Antes do golpe militar o PG viveirés estaba experimentando un proceso de medre grazas ao efecto de obter a alcaldía Balbino Cerdeiras e á dirección local do partido por Xoán Xosé Plá. Nestas mesmas datas constituíronse en Viveiro as “Juventudes Socialistas Unificadas”(JSU) e a “Unión de Hermanas Proletarias Socialistas Femeninas” (UHP). Existían, igualmente, o “Socorro Rojo Internacional”, o “Grupo Esperantista de Viveiro”, as loxias masónicaS “Fraternidad Humana, 75” de Viveiro e “Hijos de Hiram, 17” do Vicedo. Ademais tamén estaban constituídas as asociacións de “Comerciantes e Industriales”e “Mestres do Partido”.   

O principal obxectivo da represión na Mariña foi o de abortar violentamente as distintas conquistas sociais do movemento obreiro e rematar coa renovada sociedade republicana 

As dereitas mantiñan igualmente unha ampla presenza na Mariña, representadas polos dous grandes partidos maioritarios o Bloque Nacional de Calvo Sotelo e a Ceda de Gil Robles, mentres que a Falanxe era un partido minoritario recen constituído en Viveiro, Foz, Ribadeo e Lourenzá. Compre clarexar que os grandes “semilleiros” da Falanxe en Viveiro foron a “Juventud Católica” e as “JAPS”, mocidades da Ceda, logo da derrota electoral de febreiro de 1936.

En resumo, na Mariña estaba agromando a pasos axigantados unha nova sociedade moi   politizada e con ampla conciencia cidadá que comezaba a disputarlle o seu dominio ás oligarquías tradicionais. Velaí  as claves principais do golpe militar. 

 A día de hoxe, que foto de conxunto nos pode ofrecer sobre os obxectivos da represión na Mariña, o seu alcance e os aspectos que ao seu entender requiren de máis luz?

O principal obxectivo da represión na Mariña foi o de abortar violentamente as distintas conquistas sociais do movemento obreiro e rematar coa renovada sociedade republicana que avanzaba decididamente cara  a modernidade e ao laicismo. Sen dúbida, a experiencia fronte populista, malia a súa brevidade, ficou na memoria colectiva como a etapa de maior empoderamento dunha cidadanía que se atreveu a disputarlle o poder político e ideolóxico ás oligarquías do momento como os conserveiros, os patróns das minas e dos medios de produción e a Igrexa. Coa combatividade nas loitas, paros e folgas obreiras o proletariado mariñán acadou unhas cotas de solidariedade, resistencia e dignidade nunca vista até aqueles momentos. Mais, a represión foi tan brutal que rematou por desartellar totalmente ao potente movemento obreiro, producíndose unha grande regresión nos avances sociais e no carácter combativo das xeracións futuras.  

Sinala no seu artigo que “os novos gobernantes exercerían unha represión metódica, sistemática e premeditada” quere dicir con isto que de “represión en quente nada”?

Efectivamente, os monárquicos comezaron a conspirar contra a República dende o momento mesmo da súa proclamación, o 14 de abril de 1931, a proba está en que a principios de agosto de 1932 xa intentaron dar un golpe de estado coa “Sanjurjada”, logo viría o goberno das dereitas, o denominado “Bienio negro”, coa regresión das conquistas sociais que derivou na Revolución de Asturias en 1934 e, por último, coa vitoria electoral da Fronte Popular, o golpe do 18 de xullo de 1936. Un levantamento longamente estudado e calculado, pero que fallou na súa execución final pola oposición das masas populares na maioría das grandes capitais do Estado converténdose nunha longa guerra civil. 

A solución que empregaron para derrotar á República e rematar con calquera tipo de oposición foi mediante o uso e abuso do terror. Multiplicándose as detencións, os consellos de guerra, fusilamentos, paseos, purgas,  violacións, depuracións laborais, multas e sancións de todo tipo. Realmente, os “paseos”, salvo contadísimas excepcións, responderon sempre a motivacións políticas máis que a outro tipo de causas como as inimizades entre veciños. Os executores sabían moi ben o tipo de perfiles que había que eliminar, debido a súa influencia social, ideolóxica ou de resistencia. Ademais, en moitos casos, tratábase de líderes políticos e obreiros aos que non puideran encausar e aos que decidiron secuestrar con nocturnidade nos seus domicilios para asasinalos vilmente. Houbo tamén algunha vítima entre os paseados que permaneceran detidos como presos gobernativos e, unha vez que quedaron en liberdade foron executados. Noutros casos, coma en Ribadeo, era usual sacalos dos depósitos municipais coa desculpa dun traslado ficticio para aplicarlles a lei de fuga.      

O abano de medidas represivas tamén afectou aos mestres sendo moitos detidos, fusilados, represaliados e expulsados do corpo do Maxisterio, debido ao importante labor educativo desenvolvido naqueles anos polos movementos de renovación pedagóxica. Igualmente, foron depurados multitude de funcionarios dos concellos, do corpo de correos e doutros servizos. Clausurándose as sedes dos sindicatos, partidos e asociacións, así como as loxias masónicas, cuxos membros foron perseguidos pola Brigada antimasónica da provincia e xulgados, a partir de 1940, coa Lei de Represión da masonería.

En todo este proceso na Mariña, cal foi o papel desenvolvido no aparello represivo polos militares e dentro destes polas unidades da Garda Civil?

Evidentemente, o papel dos militares foi clave pois foron os máximos responsables do golpe, pero estiveron complementados polas escadras falanxistas, os carabineiros, os requetés e os denominados “Caballeros de España”. No caso dos carabineiros dedicáronse máis ben a vixilancia dos peiraos e da liña marítima, mentres que os Cabaleiros de España encargábanse principalmente das gardas de presos no depósito municipal. En cambio, os falanxistas facían ás gardas nocturnas nos núcleos urbanos e acompañaban asiduamente á garda civil na clausura dos locais de partidos e asociacións, nos rexistros e detencións polas casas ou nas batidas polos montes, na busca dos primeiros fuxidos que andando o tempo darían lugar a fundación da III Agrupación de Guerrillas de Galiza, con base en Viveiro.  Porén,  a Garda Civil foi unha das principais forzas represivas debido ao seu carácter militar e á experiencia que tiña nestas labores. Ademais de actuar con moita rapidez e manter unha gran capacidade de desprazamento eran extraordinariamente eficaces á hora de elaborar informes, obter informacións dos detidos e reprimir calquera intento de resistencia.   

Comentarios