'As guerrillas galegas ao descuberto'

Alejandro Rodríguez: “O antifascismo é a base ideolóxica da Federación de Guerrillas”

Alejandro Rodríguez Gutiérrez (Ponferrada,1984) é doutor en historia pola Universidade de Santiago de Compostela e actualmente traballa na súa tese de doutoramento sobre a historia da guerrilla galega. A terza feira de 9 de novembro escribe no coleccionábel Nós Diario sobre a Federación de Guerrillas

Alejandro
photo_camera Alejandro Rodríguez

Como e cando xurdiu a Federación de Guerrillas da León e Galiza?

A Federación xorde ao longo do ano 1941, tras un novo fracaso de saída o exilio a través da fronteira portuguesa. Na primavera dese ano regresan os últimos grupos afastados na Raia Seca e comezan a auto organizar a resistencia nos montes da Galiza. Xa no mes de decembro firmarían os primeiros regulamentos, aprobados no congreso fundacional de Ferradillo no mes de abril de 1942.

Sobre que programa político se articulou esta organización guerrilleira e cales foron as súas bases ideolóxicas?

A súa base ideolóxica é moi clara: o antifascismo. E isto, por riba de calquera outra formulación partidista. O  primeiro, combater a ditadura, organizarse e esperar unha mellora das condicións internacionais, despois, as formulacións ideolóxicas de cada quen. Neste sentido, a loita levada a cabo pola Federación nos montes de Lugo, Ourense e O Bierzo, non difire cas levadas noutras partes de Europa contra as invasións nazis e fascistas e que acabarían por ser fundamentais na vitoria das forzas aliadas na Segunda Guerra Mundial.

Que representou a “Cidade da Selva” para os guerrilleiros da Federación?

Representou todo. Sen a "Cidade da Selva" non se pode entender a Federación e viceversa. De feito, o comezo e o final destes campamentos, son os que dan lugar o nacemento e á morte da propia Federación. Proporcionoulles un lugar de seguridade, onde podían formular estratexias e onde podían agocharse en momentos de dificultade. Proporcionoulles tamén tempo, de reflexionar, de debater, de analizar a súa loita. Este lugar é un rara avis, un lugar no que vive de maneira permanente un exército irregular durante máis de cinco anos.

Cales foron os factores centrais que determinaron o final da Federación?

Poderíamos falar de dous, fundamentalmente, e no mesmo nivel un que outro. O primeiro, as loitas internas, que levaron a separación dos grupos comunistas no mes de xaneiro de 1946 e que deixaron un pouso de nova realidade. A Segunda Guerra Mundial rematara meses atrás e as estratexias formuladas até entón mudaban substancialmente. As democracias esquecían aos antifascistas españois e o PCE era o único cunha presenza e capacidade no interior como para seguir combatendo o franquismo.

Que diferenzas significaría entre a cultura política e a práctica da Federación e a do Exército Guerrilleiro da Galiza?

Son diametralmente opostas. O primeiro, pola unidade no político. Malia que o Exército acubillou nas súas filas a membros doutras organizacións políticas, as súas estruturas, os seus cadros de mando, a súa propaganda,... é dirixido dende o PCE e os diferentes comités do partido na Galiza. E tamén nas súas formas de acción. Abonda con citar as sabotaxes. Mentres que á Federación apenas podemos atribuírlle unha ducia de accións deste tipo, no caso do Exército, temos documentadas polo de agora  máis de 50 repartidas por toda a Galiza.

Comentarios