Análise

A Segunda República en Boiro

Manifestación en Betanzos o 15 de abril de 1931 para celebrar a proclamación da II República.  (Foto: Arquivo Ricardo Migal Naveira)
photo_camera Manifestación en Betanzos o 15 de abril de 1931 para celebrar a proclamación da II República. (Foto: Arquivo Ricardo Migal Naveira)

A memoria da Segunda República que o franquismo transmitiu á sociedade e que foi asumida por gran parte da oposición antifranquista preséntanola como un período de violencia e confrontación, de persecución relixiosa, de caos e desorde, que levou necesariamente á intervención militar para evitar a implantación dun réxime de ditadura comunista. Esta memoria pervertida tivo unha influencia decisiva no enfoque dado á Transición, na que se fuxiu de todo o que lembrara o réxime republicano evitando calquera referencia ou recoñecemento co período democrático anterior á ditadura.

Polo anterior, son absolutamente necesarios os estudos sobre a etapa republicana que acheguen datos obxectivos sobre o contexto social e político do momento, que non era moi diferente do de outros países.

Acaba de saír á luz, editado pola Deputación da Coruña, unha publicación ilustrativa de como un traballo de investigación minuciosa, a escala municipal, explica o contexto económico e sociopolítico dunha vila, neste caso Boiro, exemplificando como as vellas elites que controlaban o poder adaptaron os seus mecanismos clientelares ao novo sistema para seguir manténdoo.

A Segunda República en Boiro (1931-1936). Entre o caciquismo inmobilista e a mobilización socio política da xente do común, da autoría de Antón Rodríguez Gallardo ofrécenos un completo panorama dos antecedentes (Ditadura de Primo de Rivera), as distintas fases polas que atravesou a república (Bienios reformista e conservador, etapa frontepopulista) e o desenvolvemento do golpe militar en Boiro, sen esquecer algúns apuntamentos  sobre a represión conseguinte.

Cunha abundante documentación gráfica, utilización dun conxunto variado de fontes documentais e un estilo áxil na redacción que facilita a lectura, amósanos como a microhistoria e a escala municipal ou comarcal, pode ser unha ferramenta axeitada para comprender as realizacións concretas, os erros e acertos, as confrontacións, a dinámica da sociedade no período republicano nunha vila galega.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios