Redondela rende homenaxe á veciñanza "esquecida" deportada a Mauthausen

Con este recoñecemento convértese no primeiro municipio galego en lembrar as vítimas do nazismo e súmase aos máis de 100.000 'Stolpersteine' colocados en 27 países.
Detalle das 'Stolpersteine' colocadas en Redondela en memoria dos veciños deportados a Mauthausen. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalle das 'Stolpersteine' colocadas en Redondela en memoria dos veciños deportados a Mauthausen. (Foto: Nós Diario).

O paseo da Xunqueira, en Redondela, comarca de Vigo, acolleu este sábado un acto de homenaxe aos veciños represaliados nos anos 40 e que acabaron no campo de concentración de Mauthausen.

Antonio Piñeiro Otero, José González Vázquez e Olimpio Míguez Pazos foron asasinados neste campo de exterminio nazis, e Alejandro Lafuente Pose foi liberado polas tropas aliadas en maio de 1945.

O Concello de Redondela, en colaboración co Colectivo Republicano, impulsou este acto noque tamén se levou a cabo a presentación do libro da historiadora e escritora María Torres De Redondela a Mathausen e a colocación de catro Stolpersteine, lastras da memoria, coas inscricións das catro vítimas redondelás.

Non ao esquecemento

Marcos Lareira, presidente do Colectivo Republicano, agradeceu o poio do Concello e afirmou que Redondela viviu "un día histórico" coa colocación dos Stolpersteine, unhas pedras que xa suman máis de 100.000 pezas en 27 países. "Redondela xa forma parte do maior monumento descentralizado do mundo", sinalou.

A alcaldesa, Digna Rivas, afirmou que con este acto a instancia do Colectivo Republicano, Redondela "fai xustiza coa memoria destes catro veciños represaliados que estaban no esquecemento" e advertiu que "se esquecemos o horror que supuxo o nazismo corremos o risco de que se repita".

O fascismo segue vivo

Pedro Vieitez, do Colectivo Republicano, fixo fincapé en que o fascismo segue vivo, "instalouse na nosa sociedade" mentres a poboación "acepta calquera noticia sen contrastar ou debater por pasotismo".

Neste sentido, avisou de que tamén son mostras de fascismo cotiá sucesos que se dan en Redondela "como a sabotaxe do monumento aos asasinados polo franquismo no Alto da Concheira, a misoxinia de borrar o nome das asasinadas pola violencia machista no paseo da Xunqueira ou a desfeita da exposición Mulleres Conquistadoras".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios