“En Galiza aínda se descoñece que nos campos de concentración nazis había republicanos galegos”

Monterrei e Verín acollen desde esta terza feira, 2 de agosto, e até o día 6 un completo programa de actos e xornadas en torno a Joaquín Balboa, veciño de  Estevesiños, preso nº3833 no campo nazi de Mauthausen.

mauthausen
photo_camera Joaquín Balboa.

Verín e Monterrei lembran e renden homenaxe estes días a Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria), onde estivo entre 1941 e 1945. O seu compromiso político e os propios avatares da vida levaron a este barbeiro de profesión a dar nun dos complexos de exterminio postos en marcha polo nazismo, logrando sobrevivir e chegar a Barcelona, onde viveu durante décadas antes de retornar á súa aldea natal, onde finou en 1994. Segundo os datos de 'Triángulo azul: Los republicanos españoles en Mauthausen, 1940-1945', un total de 111 galegos morreron neste campo de concentración entre o 6 de agosto de 1940 e maio de 1945.

Monterrei Falamos con Heladio Anxo Fernández, coordenador dos actos.

Como xorde a idea de facer este acto e as xornadas?

Todo comezou a raíz dun comentario no meu Facebook. Escribín unha entrada sobre campos de concentración e unha persoa puxo un comentario, lembrando o seu tío, que era de Monterrei e que estivera preso no campo de Mauthausen. Contactei con el e así comezou isto. Había pouco, ademais, que se creara a asociación Monterrei, Cultura e Territorio [que foi quenacabou impulsando os actos], e aos poucos fomos dándolle forma a isto que vai decorrer esta semana.

“En Galiza sabemos que nos campos nazis había xudeos mais descoñecemos que había republicanos galegos”

Quen era o preso nº3833 de Mauthausen?

Era un emigrante galego en Barcelona, onde traballou de barbeiro. Simpatizaba coas ideas socialistas e en 1937 meteuse no corpo de carabineiros, para despois pasar a facer parte do Exército republicano. Coa entrada das tropas franquistas en Barcelona, fuxe a Francia. Alí estivo en diversos campos. Cando os nazis conquistan o país galo el acaba preso e nun campo de concentración, en Mauthausen. Primeiro no campo central e despois, a partir de 1943, levárono para unha granxa das SS perto da fronteira con Italia e que era un sub-campo do principal de Mauthausen, que estaba en Austria. El salvou de morrer nos anos máis duros, o 41 e o 42, por ser barbeiro. Porque era últil para cortar o pelo ao resto de prisioneiros.

Moitas veces ao contar estas cousas esquecémonos doutras vítimas, como por exemplo a muller de Joaquín, que ficou en Barcelona cando el tivo que fuxir. Non soubo nada de Joaquín até que en 1943 recibiu cartas del. Tamén sufriu moito, tendo que sobrevivir nunha cidadede post-guerra tomada polo franquismo.

“As concertinas de Ceuta e Melilla para os inmigrantes non son moi diferentes ás que Joaquín Balboa vía en Mauthausen”

Foron uns anos que sen dúbida serían moi duros para el. Falaba desa etapa da súa vida ou mantíñase reservado ao respecto?

El destas cousas falou con xente, non con calquera, claro está, mais si cos que tiña confianza. Non tiña medo a falar, participou nun programa da TVG na que se falaba do campo de concentración. Que non estaba disposto a esquecer amósao que nos 60 asóciase a 'Amical' de Mauthausen, unha asociación daquela clandestina e que reivindicaba a memoria dos presos nese campo de concentración.

Fálase duns 300 galegos que pasaron por ese campo de concentración. Houbo máis presos da comarca en Mauthausen?

Que saibamos só el. Con estes actos o que queremos é que el sexa un eixo sobre o que recuperemos a memoria dos centos de republicanos que si que estiveron presos en campos nazis e sobre os que a sociedade pouco ou nada sabe. En Galiza e no Estado seguimos a identificar os campos de concentración case exclusivamente con presos xudeos, ignorando que alí tamén internaron republicanos galegos e españois.

A que considera que se debe ese descoñecemento?

Bueno, aquí o Estado español nunca asumiu unha labor de facer memoria, optando polo esquecemento. Isto ficou claro na transición. Algo que choca con Francia, onde despois da II Guerra Mundial si que houbo unha política de lembrar e homenaxear a quen padeceu os campos de concentración. Aquí iso acalouse, ocultouse. O que nós procuramos con este tipo de homenaxes e actividades é que a xente saiba que nos campos nazis tamén houbo republicanos e os motivos por que estaban alí, hai un descoñecemento absoluto sobre este tema. Fai falla traballar en moitos eidos, como pode ser o do ensino, os medios de comunicación...

A memoria histórica ten que chegar a todas partes, por iso é importante que este tipo de iniciativas saian nas comarcas, e con vontade de estenderse.

Este 18 de xullo cumpríronse 80 anos do golpe de estado franquista. A memoria histórica volveu, por uns días, estar en primeira liña mediática, ter un oco que normalmente non ten en certos espazos. Mais, estase a avanzar?

Hai movementos significativos. Como que o PP comece a aceptar, en parte, esa memoria. A Deputación da Coruña acordou por unanimidade retirarlle os títulos honoríficos a Franco, o que significa que o PP tamén aporbou iso. E aquí, en Monterrei, goberna o Partido Popular e para este acto e xornadas que facemos non houbo ningún problema. Creo que é importante que todos se impliquen na memoria histórica, que se impliquen sinceramente.

Que destacaría destas xornadas que van decorrer estes días en Monterrei e Verín?

Nomeadamente dúas cousas. Que a xente coñeza Joaquín Balboa e por que estivo nun campo de concentración nazi. E que isto serva para coñecer a epopeia de miles de republicanos que padeceron iso. A historia debe servir para axudarnos a tomar conciencia. Criticamos os nazis mais despois erguemos vallas, aramios e concertinas contra os inmigrantes. Salvando as diferenzas, non son moi diferentes as concertinas de Ceuta e Melilla que as que Joaquín podía ver en Mauthausen. O que procuramos é, pois, dar a coñecer esta parte da historia e reflexionar.

E, por outra banda, destacaría queeste tipo de actos se fagan fóra das cidades ou circuitos habituais. Tamén desde as vilas, desde fóra dos circuitos das cidades, se poden facer xornadas e actos de gran calidade e moi dignos. A memoria histórica ten que chegar a todas partes, por iso é importante que este tipo de iniciativas saian nas comarcas e con vontade de estenderse. 

Comentarios