Buscan unha das maiores fosas creadas polos golpistas na Galiza en 1936

O equipo do Plan de Memoria Democrática lembra que o 26 de decembro de 1936 se levou a cabo unha das máis grandes execucións masivas das que hai constancia na Galiza, cun total de 34 persoas asasinadas
Traballos no cemiterio do Val, en  Narón
Traballos no cemiterio do Val, en Narón

O equipo de investigación de Memoria Democrática da Universidade de Santiago iniciou en Santa María do Val (Narón) o proceso de busca dunha das fosas de vítimas do golpe de 1936 máis grandes da Galiza.  

A localización desta fosa enmárcase no Plan de Memoria Democrática da Galiza, co apoio da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e a Xunta de Galiza, que lle encomendou as actuacións a un equipo multidisciplinar de investigación da USC, comandado polo grupo Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra), que coordinado polos profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez, leva dende o ano 2021 exhumando fosas do tempo do golpe de Estado. 

Unha das maiores fosas comúns da Galiza

A do cemiterio do Val é, segundo o equipo, unha das maiores fosas comúns das que se ten constancia. O equipo de especialistas cre posíbel que haxa máis dunha fosa, dado o elevado número de persoas alí soterradas, en diferentes datas, pois son máis de 50 os individuos asasinados. Un asunto coñecido polos historiadores e historiadoras e moi presente na memoria da veciñanza e familiar. 

 Segundo revelan as investigacións do equipo, o 26 de decembro de 1936, levouse a cabo unha das maiores execucións das que hai constancia na Galiza. Un grupo de 34 persoas, todos eles mariñeiros, suboficiais e oficiais  das dotacións de diferentes buques, foron fusiladas no adro da igrexa parroquial do Val, entre o 26 e o 27 de decembro de 1936. 

Segundo as investigacións desenvolvidas, hai constancia doutros 17 asasinatos, perpetrados en seis datas diferentes nos anos seguintes, e que apuntan cara á posíbel existencia de seis fosas máis, pendentes de localizar dentro do mesmo cemiterio.

Comentarios