Ferrol homenaxea o 24 de febreiro os 900 asasinados na comarca polo franquismo

O parque Antón Varela inaugura un memorial ás vítimas.
Ferrol-memoria-historica
photo_camera O monumento feito por Manuel Patinha será instalado no parque Antón Varela. (Foto: Concello de Ferrol)

Unha escultura memorial no parque Antón Varela, no ferrolán barrio de Canido, homenaxeará as 904 persoas asasinadas pola ditadura franquista entre 1936 e 1975 nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. A inauguración terá lugar o 24 de febreiro, despois de que se decidise adiar a data debido á convocatoria das eleccións galegas para o 18 de febreiro.ç

Segundo informa a Asociación Memoria Histórica Democrática nun comunicado, o pasado domingo decorreu unha reunión convocada polo Concello de Ferrol, con presenza tamén da Comisión Prol-Memorial, historiadores e grupos municipais, para acordar a data definitiva da homenaxe.

O monumento instalarase na parte traseira do instituto que hoxe ocupa o solar do desaparecido cemiterio municipal, un dos lugares das comarcas no que se executou boa parte dos asasinatos a mans dos sublevados franquistas.

A escultura metálica que o artista Manuel Patinha cedeu desinteresadamente ao Concello de Ferrol irá instalada sobre unha mesa de formigón recuberta de granito, con nomes das vítimas gravados en metacrilato e ordenados alfabeticamente dentro de cada ano. O acto contará con música, poesía, unha ofrenda flora e diferentes intervencións.

A Asociación Memoria Histórica Democrática valora que se honre a aqueles que perderon a vida en defensa dos seus ideais de progreso e  ben común.

Desde a Comisión puxéronse en contacto con moitos dos familiares dos que teñen constancia, a pesar da dificultade que supón saber se están vivos os descendentes daquelas vítimas. Ente as asasinadas e represaliadas tamén hai vítimas doutros países, como Italia, Grecia ou Portugal.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios