Pardo de Cela revive esta quinta feira en Santiago

O centro sociocultural do Ensanche de Santiago de Compostela acolle o 1 de decembro ás 20.30 horas [foi adiado media hora para falicitar a asistencia á concentración contra o asasinato da muller luguesa de 42 anos] unha palestra arredor do tempo histórico e a figura de Pardo de Cela. No debate, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, van intervir recoñecidas e recoñecidos especialistas na figura do mariscal e na Galiza do século XV.

Gravado de Xosé Blanco.
photo_camera Gravado de Xosé Blanco que aparecerá na edición limitada de 100 exemplares do monográfico de 'Sermos Galiza'.

A palestra da quinta feira vai servir de presentación dunha nova publicación de Nós Diario. Neste caso, trátase dun número monográfico do semanario Sermos Galiza titulado 'Pardo de Cela na Galiza do século XV', que se distribuirá co xornal do sábado 10 de decembro e onde colaboran Carme Varela, Carolina Casal, Francisco Rodríguez, María Xosé Rodríguez Galdo, Anselmo López Carreira, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Alexandre Peres Vigo.

As persoas asistentes ao acto poderán facerse cun exemplar dunha edición especial desta publicación para a Asociación Cultural O Galo. O obxectivo da palestra é favorecer un debate sobre a rebelión galega contra a Castela do século XV, o papel na mesma de Pardo de Cela, a súa derrota e represión a mans dos Reis Católicos e as consecuencias para a Galiza das políticas aplicadas por estes monarcas.

A escolla da figura do mariscal e deste período histórico non é casual, sinalan desde O Galo, pois no século XV atópanse algunhas claves que explican a situación actual do país. Precisamente, neste contexto alcanza a categoría de símbolo Pardo de Cela, cuxa figura segue viva na memoria oral e popular do norte galego. Uns casos análogos ao deste líder galego degolado na praza da catedral de Mondoñedo en 1483 son os condes de Lemos, Pedro Álvarez Osorio e Rodrigo de Castro, e Pedro Madruga, o conde de Camiña.

As consecuencias históricas do fracaso da revolución galega das décadas finais do século XV e das disposicións aplicadas na Galiza polos Reis Católicos pódense seguir en diferentes esferas da vida galega. Comezando pola exclusión do galego de diversos ámbitos, seguindo pola drenaxe do aforro mediante a dependencia orgánica dos mosteiros do país de Castela ou rematando nas novas políticas de orde pública e recorte das liberdades.

A palestra vai a cargo de recoñecidos especialistas neste tempo histórico. Así, o historiador e ensaísta Francisco Rodríguez repara no ciclo aberto no país após a derrota da revolta galega da segunda metade do século XIV e explica o novo contexto político do século XV, atendendo ás chaves endóxenas da formación social galega e ás interferencias esóxenas derivadas do proceso de incorporación subordinado a Castela.

A catedrática de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Compostela María Xosé Rodríguez Galdo achégase á realidade social e económica daquel momento. A relatora, autora dunha pioneira tese de doutoramento sobre a conflitividade social na Galiza do século XIV e XV, revisita algunhas das posicións formuladas hai máis de 40 anos.

O medievalista e historiador Anselmo López Carreira recupera a figura de Pardo de Cela desde a perspectiva da historia e da tradición. López Carreira analiza as relacións de Pardo de Cela co movemento irmandiño e a súa oposición á política dos Reis Católicos. Tamén explica as circunstancias da súa morte e ofrece chaves para interpretar a tradición oral arredor do mariscal rebelde.

O profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo reflexiona sobre a visión da Galiza nas crónicas castelás e a articulación da galaicofobia. O relator, autor dunha tese de doutoramento sobre o tema, apunta que até o século XV Galiza é presentada como un pobo rebelde, mudando a partir dese movemento a percepción do país.

A escritora Carme Varela e a doutora en Historia da Arte Carolina Casal debuxan no seu artigo o proceso de incorporación dos mosteiros galegos aos casteláns, coas súas negativas consecuencias no ámbito social, económico ou patrimonial. As autoras explican esta decisión como resultado do proceso de “doma” da Galiza referido polo cronista dos Reis Católicos Jerónimo Zurita.   

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios