Pardo de Cela na historia e na lenda

Hai unha parte da Galicia expulsada da historia. O relato historiográfico dominante afírmase na negación e deformación dalgúns dos fitos fundacionais do noso pasado, polo que urxen materiais que permitan saber de nós e coñecernos. Este A Fondo introduce claves analíticas para comprender a situación presente e incorporar ferramentas para superala.
O Mariscal Pardo de Cela.
photo_camera O Mariscal Pardo de Cela.

Na procura de métodos canto máis precisos para investigar o pasado e para transmitirllo ao público da mellor maneira, a historia, despois de ter incorporado as análises profundas das estruturas económicas e de todas as demais manifestacións da vida colectiva (dende a demografía ata as mentalidades), hai xa algún tempo que recuperou o interese por circunstancias de alcance máis limitado ou de interpretación moi dubidosa, como son a biografía de personaxes representativos ou, mesmo, o mito e a lenda, que anteriormente (e non sen motivo no seu momento) foran desterradas por incertas, insignificantes ou deturpadoras da dimensión colectiva do decurso histórico.

As análises baseadas en sistemas demasiado escorados cara ao cuantitativismo tendían a provocar unha excesiva abstracción, e a minimización da iniciativa individual podía acabar provocando o anonimato das accións humanas. Ambos os factores distanciaban o historiador do receptor. Co propósito de evitar isto, pareceu conveniente facer emerxer de novo o individuo, mais agora non para glorificar figuras a costa de ignorar o carácter social da evolución social, senón entendéndoo como “encarnación concreta” dos grandes movementos da historia (J. le Goff). Así, a biografía pódenos servir para “chegar a saber máis sobre a sociedade, da mesma maneira que para estudar a arte se pode partir dun monumento” (G. Duby).

O mito

Do mito cabe facer unha valoración semellante, máxime cando “o tránsito do histórico ao mítico é fluído”, pois o mito “é algo así como unha memoria viva” (H.-G. Gadamer); útil para fomentar a empatía co lector, mais tamén para servirnos de fonte cando fallan os demais recursos, xa que polo xeral no fondo do mito encóntrase, fixado e sublimado, algún acontecemento histórico que deixou pegada profunda nos seus contemporáneos, ata o punto de transmitirse oralmente, practicamente invariable, a través dos séculos, mesmo nun diálogo interpretativo coas inquietudes das sociedades que sucesivamente o reciben, aínda que isto se faga extraéndoo do contexto concreto que o produciu e trasladándoo a outro distinto.

A figura do mariscal Pedro Pardo de Cela constitúe un caso paradigmático do que acabamos de dicir. Mesmo cos ingredientes que permiten outorgarlle o cualificativo de mito ou lenda, aínda así a máis rigorosa investigación histórica actual recoñece que o relato tradicional, pertinazmente vivo na área dos feitos, non pode ser obviado á hora de reconstruír unha historia na que abondan baleiros e incertezas. Dende que en 1901, nas páxinas da revista Galicia Histórica, Villaamil y Castro iniciara as modernas investigacións sobre o Mariscal, a luz foi progresivamente iluminando, en achegas de sucesivos estudosos, o espazo da súa significación histórica, acoutando o pertencente á lenda. O logos foille tomando o relevo ao mito, sen por iso prescindir del.

Arredor da data

Así, o descubrimento e publicación do testamento do Mariscal por Eduardo Pardo de Guevara (“El testamento del mariscal Pardo de Cela. Noticia del hallazgo y edición del documento”, Cuadernos de Estudios Gallegos 126, 2013) semella desbotar a tradicional data do 17 de decembro de 1483 como a da súa execución na praza de Mondoñedo, posto que o documento redactouse o día 1 de outubro, engadíndoselle un codicilo o día 3, e testemuñas presenciais aseguran que isto último aconteceu inmediatamente antes da execución; tal vez o día anterior. Mais o recordo aférrase á data mantida pola transmisión oral, e tal vez non haxa motivo para cambiar a tradición.

Nun traballo publicado este mesmo ano, A. X. Meilán García (“Os últimos días do Mariscal”, Cadernos do Seminario de Estudos do Valadouro 9, 2019), ademais de precisar as circunstancias e percorrido dende a prisión ata a morte, así como a existencia da súa sepultura na catedral de Mondoñedo, parece demostrar sen paliativos un aspecto causante de certa controversia: o da directa responsabilidade e participación da Igrexa mindoniense (bispo e Cabido) nos sucesos. Algo que, por certo, xa Vicetto atribuíra en concreto ao bispo Fadrique de Guzmán, e que en nada contradí o feito de ser o Mariscal un devoto cristián, como o eran todos naquela altura.

Por algo é que a tradición pon clérigos na ponte do Pasatempo de Mondoñedo estorbando o paso á muller do Mariscal para evitar que chegase a tempo de salvarlle a vida, cun suposto indulto no seu poder. Inmediatamente despois do seu apresamento na Frouxeira, tras un longo e cruento asedio dirixido polo capitán Mudarra, que provocou abundantes vítimas, o Mariscal foi levado á casa de Afonso Iáñez, un cóengo de relevancia no Cabido, pois era capelán do bispo. Logo, en Mondoñedo, foi botado en cadea na casa doutro cóengo, Fernán Balea, onde testou e de onde pasou, case con seguridade sumarisimamente, sen xuízo, ao patíbulo. Observa así o prof. Meilán que o Mariscal foi de feito entregado ao clero mindoniense para axustar contas, e comproba que o groso do testamento (redactado naquelas condicións) está ocupado por legados á Igrexa; a familia e achegados só serán lembrados despois no codicilo.

Choque coa Igrexa

O choque mortal coa Igrexa (e con outros competidores locais que axiña sinalaremos) era algo natural no contexto da Galicia de finais da Idade Media. O reforzamento dos señoríos que se producira cen anos antes coa vitoria trastamarista non deixaba espazo folgado para tantos intereses, forzosamente en conflito, nun país moi dividido entre múltiples xurisdicións que se solapaban, dende cabaleiros e escudeiros ata bispos (e arcebispo), pasando por condes, cóengos, abades e abadesas. De entre todos eles, os bispos levaban a mellor parte; e mellorárona aínda co triunfo dos Reis Católicos.

En realidade, a extremadamente dura acción rexia contra o Mariscal non deixaba de ser proxección, no máis elevado chanzo da estrutura política, dun enfrontamento que se viña librando na base, a nivel local; “as ruíns paixóns xeradas por intereses privados” de que falaba Villaamil y Castro. Estes intereses eran dende logo os da Igrexa, mais comprendían tamén outros que foron igualmente decisivos na morte de Pardo de Cela, e que se teñen pasado por alto. Do dominio que o Mariscal chegou a exercer sobre toda a zona deixará constancia décadas despois (a principios do século XVI) o cronista Vasco da Ponte, ao asegurar que “se comía” todo o bispado de Mondoñedo, algo que obviamente o bispo non estaba disposto a aceptar, e menos cando a súa adhesión aos Reis Católicos (compartida por todo o episcopado) colocábao en condicións de revocar a situación. Mais, polo mesmo motivo, tamén o enfrontaba a un membro da nobreza menor, o cabaleiro Xoán de Viveiro, outro parcial (e moito) dos monarcas dende o principio do conflito sucesorio, pois como é sabido Isabel a Católica escalou o trono a costa dos dereitos da súa sobriña Xoana, mediante unha guerra civil con intervención portuguesa (pois Xoana estaba desposada con Afonso V de Portugal).

Conflitividade

A controversia do Mariscal con Xoán de Viveiro remonta a décadas atrás e constitúe un caso típico da conflitividade do momento. O cabaleiro herdaba dereitos señoriais sobre a vila de Viveiro, conseguidos polo seu pai en 1452, con desagrado dos veciños, pero unha vez no trono Henrique IV, boa parte da aristocracia, descontenta coa súa política restritiva dos privilexios señoriais e favorable aos Concellos, púxose abertamente na súa contra, ata pretender infrutuosamente destronalo mediante un golpe de Estado e unha guerra civil iniciada en 1465. Entre os inimigos de Henrique IV estaba Xoán de Viveiro.

Pardo de Cela, en cambio, estaba no bando do rei, e por iso, xa dende o ano anterior (1464) “era alcalde no Concello de Viveiro, institución que o ano seguinte o reelixía, nomeándoo alcalde do dito Concello polo dito señor rei”, segundo consta na acta correspondente, ao tempo que o monarca agregaba a vila á Coroa e desposuía do señorío a Xoán de Viveiro. Estamos nas vésperas mesmas da revolución irmandiña, cuxa data de inicio vense poñendo no ano 1466. Tras unha intensa serie de vicisitudes que non vén a conto relatar agora, en 1468 Isabel a Católica converteuse na candidata da aristocracia e, como xa se sabe, ascendeu ao trono tras vencer na guerra civil, en 1479.

Ao longo de todo o conflito (non só na guerra contra Xoana e Portugal, senón xa na previa conspiración contra Henrique IV) Xoán de Viveiro tivo unha intervención moi activa, que Isabel lle agradeceu outorgándolle en 1473 o título de Vizconde de Altamira (cuxo referente territorial non está totalmente claro, aínda que puidera ser a Altamira de Viveiro ou a de Ortigueira, tal como nos indica J. L. Vivero Pol), con dereitos sobre Viveiro e algunha outra localidade fóra de Galicia, por certo sempre coa sonora protesta dos veciños. O choque co mariscal estaba servido, máxime cando Pardo de Cela era firme defensor do rei Henrique IV.

O encadramento de Pardo de Cela ao lado do rei condúcenos a outra cuestión, en relación directa co anterior, co que se cruza de maneira inseparable, pero que foi relegada ao lugar do mito ou da lenda. Alguén chegou a propoñer que o Mariscal fora irmandiño, e isto, naturalmente, formulado de maneira tan esquemática e dentro da visión deformada con que adoitamos contemplar o movemento das irmandades, considerouse un contrasentido sen fundamento, posto que está moi estendida a imaxe dunha revolución con límites de clase perfectamente trazados: o pobo (maiormente labregos) contra os nobres. E a isto xúntase a coñecida anécdota narrada por unha testemuña do Preito Tabera-Fonseca, sesenta anos despois dos acontecementos, segundo a cal o mariscal recomendaba ao seu sogro, o conde de Lemos, que “enchese os carballos de vasalos”; ou sexa, que colgase cantos máis revoltosos.

Máis en Información do Reino
Comentarios