Paradela, o ‘Billy el Niño’ da comisaría da Coruña

A historia do franquismo é a historia da impunidade. Impunidade para facer o mal contra os bos pero, tamén, impunidade para continuar de donos da situación unha vez morto o ditador e no marco dun novo contexto político definido pola constitución de 1978. Francisco Paradela Castro, Paradela, para todo o antifranquismo da Coruña é un símbolo disto.

4
photo_camera Información recollida 'A voz do pobo', órgano de prensa do PCG, no seu número de marzo de 1971.

Foi un de tantos pero non un calquera. O seu nome mete medo, como Cacharrón ou O Chino en Lugo, Sergio González ou José Manuel Orbán Sousa en Ourense, Waldo Mazaira ou Manolo Ribera en Vigo, Alfredo Cañoto e Francisco Brage en Ferrol e así moitos en todos os cuarteis e comisarías da Galiza.

A tortura na Coruña

A tortura foi, tamén, a práctica habitual na Coruña contra os bos. Os presos políticos detidos nas diversas caídas que afectaron ás organizacións democráticas, souberon dela e recoñecérona como normal entre aqueles funcionarios da represión.

As súas prácticas habituais “as táboas de ximnasia”, método que “obrigaba ao detido a permanecer de pé e posturas forzadas mentres o golpeaban por todo o corpo”, pero tamén “o quirófano”, consistente “en estirar ao retido sobre unha mesa mentres se lle peta no estómago e se lle introducen bolígrafos estriados sobre os dedos das mans”.

A historia da tortura na Coruña nas décadas finais do franquismo ten nomes. Un deles  Benedicto Carballeira Rodríguez, mais, tamén, Lino Fernández Gómez, José Luís Rodríguez Losada e moi particularmente Francisco Paradela Castro e Emilio Zunzunegui, militantes conscientes do mal.

Os días de Paradela

Paradela Castro, nado en Ourense, alférez de complemento nas milicias universitarias e presidente na década dos sesenta e setenta da Sociedade cinexética da Coruña, non só destacou pola súa brutalidade senón por vertebrar  unha ampla rede de delatores, arredor daquela súa sociedade de cazadores.

A súa ideoloxía non presentaba dúbida algunha e deixouna clara na práctica, coa saña que empregou en persecución e interrogatorios e na teoría, con dous volumes ideoloxía neonazi publicados nos anos noventa  cos título de El talmud: codigo sagrado y secreto e Cuestiones judeomasónicas o el eterno contubernio.

O réxime nacido na Constitución de 1978 non dubidou en premialo. Así, nos primeiros oitenta foi nomeado polo Goberno do PSOE comisario xefe da policía nacional en Monforte de Lemos, sendo persoa de máxima confianza de Juan Manuel Iglesias Rivera, eterno Gobernador Civil de Lugo nos anos do felipismo.

A impunidade é o elemento definitorio do xenocidio franquista. Mentres noutras realidades onde se levou adiante un proceso de exterminio da disidencia interna os verdugos foron sometidos a procesos xudiciais na perspectiva de reparar as vítimas, no caso do Reino de España os responsábeis da mesma non foron obxecto dun só procedemento condenatorio.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios