Opinión

1972, un ano que valeu por moitos

1972 é Ferrol. Son os traballadores da construción naval loitando por un convenio diferente ao dos seus compañeiros de San Fernando (Cádiz), nun antecedente claro de defensa dun marco galego de relacións laborais, razón de ser dunha parte significativa do sindicalismo galego. Son os asalariados convertidos en clase obreira pelexando contra o franquismo, enfrontándose ás forzas da orde que tiñan tomada a cidade, desafiando o Exército -que non dubidou en apuntar desde os seus barcos os folguistas- e mesmo morrendo, como Amador Rey e Daniel Niebla, asasinados pola Policía o 10 de marzo mentres participaban nunha manifestación masiva disolta a tiros.

1972 é Vigo. Son os miles de operarios da primeira cidade industrial da Galiza reclamando melloras nas súas condicións laborais e paralizando a actividade nos grandes centros de traballo fronte a unha ditadura que só soubo responder con violencia e tortura. Para a Historia, os nomes de torturadores como Manolo Ribera, Waldo López Mazaira ou Alfredo Fernández Cañoto, desprazado desde Ferrol para mallar nos obreiros. Para o futuro, o seu exemplo de loita, a experiencia de novas formas de organización e loita e un caudal de dignidade que desde aquel setembro negro moldeou para sempre o proletariado vigués.

1972 é Compostela. Son os estudantes parando a universidade e protestando polas rúas contra o asasinato, o 4 de decembro, do seu compañeiro e alumno de Medicina Chema Fuentes. É unha nova organización fundada unha semana antes, Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), cuxos membros lideraron esas mobilizacións. Non tardou en converterse na asociación hexemónica do movemento estudantil e no principal viveiro de cadros para as novas entidades sindicais, agrarias ou culturais que encheron a Galiza de finais do franquismo e da Transición.

1972 é un ano que valeu por moitos na historia da Galiza. Lembrémolo e aprendamos del.

Comentarios