A ponte da rebeldía resiste en Nebra

A ponte de Cans, na parroquia de Nebra, Porto do Son, rememora as mulleres e homes asasinados pola Garda Civil en 1916 durante unha protesta contra uns impostos que a veciñanza consideraba inxustos. 
2020101219014171179
photo_camera Enterro en Compostela de Rosa Maneiro, unha das asasinadas en Nebra (Imaxe: Vida Gallega).

Campesiñado e obreirismo fronte á institucionalidade caciquil. Rebeldía e represión. A ponte de Cans, na parroquia de Nebra, Porto do Son, rememorou neste 12 de outubro as mulleres e homes que en 1916 enfrontaron a Garda Civil que escoltaba o axente executivo do cobro dos arbritios, as taxas pola prestación de servizos públicos contra as que a veciñanza levaba meses mobilizándose.

Na resposta policial a aquel acto de resistencia morreron catro mulleres e un home, a quen se lembra hoxe como as mártires de Nebra, e máis dunha trintena recibiron no corpo a violencia dun episodio que forma parte  da historia da loita labrega galega polos dereitos civís.

Os nomes de Francisca Carou e Antonio Sobrado Luaces, finados aquela mañá na ponte de Cans a causa das máuser da forza actuante, máis tamén os de Generosa Vidal Cadórniga, Ramona Suárez Pouso e Rosa Maneiro Cadorniga, falecidas en días posteriores consecuencia, lembráronse no acto organizado polo BNG, da man do veciño Santi Suárez, do portavoz nacionalista no Concello, Balbino González, e da deputada Rosana Pérez, para quen o exemplo da veciñanza de Nebra na súa loita "contra o caciquismo e o centralismo" ten paralelismos co do nacionalismo "nos seus moitos actos de rebeldía e resistencia" –coa vitoria cívica na propiedade do pazo de Meirás como un dos seus exemplos– e debe seguirse, desde a rúa, neste "momento decisivo" marcado pola pandemia e as crises económicas. 

Un sistema en crise

Porque, como interpretaba Francisco Rodríguez nunha publicación polo centenario da traxedia en Terra e Tempo, se ben aquela protesta, que promovera hai 104 anos a Liga Agraria de Nebra en colaboración con La Protección Obrera, tiña como base o movemento antifiscal contra un sistema de recadación cuxo reparto "non se facía con criterios obxectivos" e, polo tanto, discriminatorios, o capítulo non pode entenderse sen ter en conta o "clima de axitación favorecido pola crise política do réxime da Restauración, considerado caciquil e corrupto, a mobilización contra o foro por parte das sociedades agrarias e un certo nivel de autoorganización campesiña". 

As manifestacións contra a administración municipal e o reparto de consumos víñanse repetindo en Porto do Son no último lustro, movidas pola a indignación ante as cantidades que a poboación tiña que pagar e polo descontento contra xestión do diñeiro recadado.

Nos meses previos a aquel capítulo de represión armada, houbo en Porto do Son mobilizacións contra o alcalde, visitas ao gobernador civil e mesmo detencións.

Aquela mañá, segundo lembrou en Sermos Galiza o historiador Eliseo Fernández, a chegada do recadador escoltado por trinta números da Garda Civil para facer o embargo dun animal a un veciño moroso foi respondida pola veciñanza ao berro de "Non se paga o defis!". Á orde de disolver a concentración, as mulleres adiantáronse aos homes na ponte de Cans.

Foron moitas as que recibiron as balas. Dos axentes, só dous tiveron que ser atendidos por contusións nas pernas. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios