Nebra, as labregas contra os abusos do Estado

Porto do Son lembra este 12 de outubro as mártires de Cans, asasinadas hai 105 anos.
Enterro en Compostela de Rosa Maneiro Cardóniga, unha das asasinadas de Nebra. Compostela, 1916. Vida Gallega.
photo_camera Enterro en Compostela de Rosa Maneiro Cardóniga, unha das asasinadas de Nebra. Compostela, 1916. Vida Gallega. (Foto: Nós Diario)

12 de outubro, hai 105 anos, labregas e labregos de Nebra (Porto do Son) erguéronse contra os abusos do poder do Estado. Máis de 300 persoas, moitas delas mulleres, situáronse na Ponte de Cans, na parroquia de Nebra, diante dunha morea de axentes da Garda Civil para protestar contra o cobro dun imposto inxusto e abusivo, no día en que se ían embargar bens á veciñanza.

A violencia dos gardas contra a protesta saldouse con numeras persoas feridas e dúas vítimas mortais naquel mesmo día: Francisca Carou e Antonio Sobrado. Nos días posteriores faleceron as labregas Generosa Vidal, Ramona Suárez e Rosa Maneiro, a consecuencia das balas e golpes recibidos polos axentes aquel 12 de outubro. Elas e el son as coñecidas como as mártires de Cans ou de Nebra.

Un imposto inxusto

Meses antes da traxedia, o Consistorio do Son acordara repartir entre a veciñanza uns impostos abusivos de 9.381 pesetas para saldar o déficit coa Deputación da Coruña do ano anterior. A Liga Agraria de Nebra e a Protección Obreira de Porto do Son levaron a cabo xuntanzas para informar e falar das medidas a tomar. Producíronse varias mobilizacións e o comercio chegou a fechar en sinal de protesta a 15 de xuño. 

A 12 de outubro produciuse un gran protesto ao presentarse o recadador coa Garda Civil para embargar unha vaca e outros bens a un veciño moroso. Ao non poderen proceder ao embargo pola oposición veciñal chamaron máis axentes da Garda Civil. Tiveron que suspender o procedemento de apremio, mais as cargas dos gardas en Cans acabaron coas vidas das mártires de Nebra

Recolle Francisco Rodríguez en Nebra no horizonte, unha traxedia sintomática, en Terra e Tempo, que a pesar de que se fale deste masacre como protesta antifiscal “o que provocou a convulsión de Nebra en 1916 non se explica sen un clima de axitación favorecido pola crise política do réxime da Restauración, considerado caciquil e corrupto, a mobilización contra o foro por parte das sociedades agrarias e un certo nivel de autoorganización campesiña”.

Rodríguez contextualiza o protesto dentro dunha expresión dun malestar máis xeral e dun "estado de conciencia novo", pois expresábase en obxectivos políticos e socio-económicos, a propiedade plena da terra, e na constatación do poder da mobilización.

O suceso non só tivo repercusión no Son nin no mundo labrego. De facto, a finais de novembro de 1916 houbo unha asemblea galega de protesta en Santiago polos feitos acontecidos en Cans. Sociedades agrarias e elementos  republicanos reclamaron a destitución do gobernador, responsabilidades polos asasinatos e o indulto para represaliados, entre eles un médico que debeu ser castigado por axudar os feridos do masacre. 

Homenaxe ás vítimas

Este 12 de outubro, ás 17 horas, o BNG homenaxeará as mártires de Nebra na ponte de Cans. Intervirán o portavoz parlamentario de Memoria Histórica do Bloque, Luís Bará; a ensaísta sobre a historia das mulleres galegas e concelleira nacionalista en Porto do Son, Patricia Torrado; e o dirixente veciñal de Nebra e un dos impulsores deste recoñecemento histórico, Santiago Suárez. 

Comentarios