Fanse 106 anos do asasinato das mártires de Nebra

O BNG homenaxea esta cuarta feira as labregas abatidas.
Enterro en 1916 de Rosa Maneiro, unha das mártires de Nebra. (Foto: Vida Gallega).
photo_camera Enterro en 1916 de Rosa Maneiro, unha das mártires de Nebra. (Foto: Nós Diario)

Hai exactamente 106 anos, labregas e labregos de Nebra, no concello de Porto do Son, erguían a súa voz nun protesto na ponte de Cans para botaren abaixo un imposto que lastraba a súa actividade agraria e que fora ordenado polo alcalde para saldar o déficit nas contas de 1915.

Naquel día de 1916 que acabaría por pasar á historia, máis de 300 veciñas e veciños mobilizábanse pacificamente contra este tributo, algo que, finalmente acabaría en masacre. A Garda Civil, de modo indiscriminado, disparou contra a masa. Resultaron feridas de bala 32 persoas e faleceron Francisca Carou, Ramona Suárez Pouso, Generosa Cadórniga, Rosa Cadórniga Maneira e Antonio Sobrado Luaces.

O protesto na ponte de Cans non era a primeira mostra de rexeitamento do tributo por parte da veciñanza. De feito, a Liga Agraria de Nebra convocara reunións e concentracións en abril de 1916, unhas mobilizacións que tiveron continuidade até o fatídico 12 de outubro. Ao longo deses meses, todas as peticións dos veciños e veciñas foran desatendidas polo Goberno local.

O suceso non só tivo repercusión no Son nin no mundo labrego. De feito, a finais de novembro de 1916 houbo unha asemblea galega de protesta en Santiago polos feitos acontecidos en Cans. Sociedades agrarias e elementos republicanos reclamaron a destitución do gobernador, responsabilidades polos asasinatos e o indulto para represaliados, entre eles un médico que debeu ser castigado por axudar os feridos do masacre.

Acto de homenaxe

Esta cuarta feira, 12 de outubro, O BNG de Porto do Son lembra as mártires de Nebra na propia ponte de Cans ás 12.30 horas. Será un acto de homenaxe daquelas valentes labregas que deron a vida nos protestos.

No acto intervirán Santiago Suárez, un dos principais impulsores do recoñecemento histórico das mártires; Balbino González, o portavoz local da formación nacionalista, e Olalla Rodil, deputada do Bloque no Parlamento da Galiza.

O BNG de Porto do Son animou á participación neste acto manifestando que renden homenaxe "á historia de resistencia das mártires de Nebra, sistematicamente ocultada. Recuperemos a nosa historia".

Comentarios