‘Nos Diario’ agasalla hoxe un libro sobre a revolta das abadesas galegas contra Castela

Nos Diario agasalla hoxe aos seus lectores e lectores coa edición en papel do xornal dun libro sobre a revolta das abadesas galegas contra Castela nos séculos XV e XV. Se queres facerte con publicación acude a buscala ao teu quiosco máis próximo
RS_S.Xoan_da_Cova_Interior_
photo_camera Interior do mosteiro de San Xoán da Cova, en Carballedo, onde as monxas galegas presentaron batalla ás tropas castelás. (Foto: Ribeira Sacra).

Prófugas e apóstatas. As monxas torquinegras da Galiza  é a crónica da loita das abadesas galegas contra Castela durante os séculos XV e XVI. O volume recolle a oposición desas mulleres á decisión dos Reis Católicos de subxugar os mosteiros galegos ao poder de Castela, someténdoos á órbita do mosteiro de San Bieito de Valladolid.

A integración subordinada do monacato galego aos mosteiros castelás é considerada por unha parte da historiografía como o punto de arranque do proceso de drenaxe das rendas galegas e descapitalización do país, comezando a conformarse un dos elementos definitorios da dependencia económica galega. Neste sentido, débese lembrar que os mosteiros eran os principais titulares de rendas e os primeiros propietarios de terras da Galiza.

A centralización política

O proceso de absorción dos mosteiros galegas por Castela explícase no marco das políticas centralizadoras aplicadas polos Reis Católicos após a derrota da revolución galega do século XV. A medida, fai parte dun amplo paquete gobernativo dirixido a por remate a existencia da Galiza como unha entidade política diferenciada.

A historiadora e coautora do volume, Carolina Casal, sinala a Nós Diario que “o Reino da Galiza fose o primeiro no que a Coroa castelá puxese en práctica a Reforma Observante non foi un feito ao chou e rematou coa vida nos cenobios bieitos femininos e co poder das nobres galegas que os habitaban”.

Casal entende que “a alusión que Castelao realiza en 1931, a “doma e castración” do Reino da Galiza, por moito que insignes historiadores actuais critiquen o de “castración”, o realizado pola Coroa de Castela non só foi “domar” a Galiza, foi mutilar co fin de rematar cun ADN, co seu poder, coa súa lingua e coa súa cultura en prol do supremacismo castelán, do seu poder, da súa lingua e da súa cultura”.

Unha loita de 30 anos

A revolta das abadesas galegas demorouse durante 30 anos, enfrontándose as titulares dos mosteiros galegos contra catro papas diferentes, os Reis Católicos, a súa filla Xoana e o seu xenro Felipe I. Non é casual, que estas mulleres rebeldes fixesen parte das mesmas familias que lideraron coas armas na man a revolución galega de finais de século XV.

A escritora e coautora do libre, Carme Varela, explica a Nós Diario, que “é unha rebeldía prolongada e hai mosteiros dos que a congregación de Castela tivo que tomar posesión até tres veces, o que di moito do que pelexaron”. Ao tempo, destaca que enfrontáronse a catro papas e varios reis ou sexa aos grandes poderes do momento, coa Coroa de Castela no seu momento de esplendor”.

Varela significa que elas controlaban territorios extensos e os reis non farían un esforzo tan importante para controlalas se só fosen catro monxas rezando o rosario e tocando as campás”. Neste sentido, conclúe que “tiñan poder e controlaban unha parte importante do territorio galego, sumado ao que xa posuían as súas familias, porque non hai que esquecer que estas monxas bieitas viñan das máis importantes familias da nobreza galega”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios