Narón homenaxea a "solidariedade e compromiso" da familia Díaz Corral coas persoas represaliadas polo franquismo

Unha placa conmemorativa lembra dende este sábado no parque do Cadaval a familia de Rudesindo Díaz Beceiro e Benigna Corral Yáñez, "pola súa solidariedade e compromiso en favor das persoas perseguidas pola ditadura franquista, dándolles refuxio, sen reparar en sacrificios, no seu domicilio de Cornido".
Homenaxe á familia Díaz Corral no parque do Cadaval en narón. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Homenaxe á familia Díaz Corral no parque do Cadaval en narón. (Foto: Nós Diario).

Goberno local, veciñanza e entidades pola memoria xuntáronse este sábado no parque do Cadaval en Narón para render homenaxe cunha ofrenda floral e unha placa conmemorativa a Rudesindo Díaz Beceiro e Benigna Corral Yáñez.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro (Terra Galega), destacou que a homenaxe a Rudesindo e Benigna, moi perto da que foi a súa vivienda familiar  "é un recoñecemento ao seu labor e ao de tantas persoas que axudaron aos represaliados polo franquismo, perseguidos polo réxime e agochados para evitar unha morte que era segura".

Rudesindo Díaz e Benigna Corral axudaron dende a súa vivienda do Couto a numerosas persoas dándolles acubillo e alimentos. Benigna morreu no ano 1939 pero Rudesindo e os seus fillos, Benigna, 'Binucha', e Rudesindo, 'Sindito', continuaron axudando aos perseguidos polo réxime. Este último foi asasinado na súa casa polas forzas represivas en 1954.

Defensa da liberdade

A rexedora local lembrou o seu labor solidario e a súa valentía e incidiu en que a homenaxe deste sábado, tal e como consta na placa, tamén o é para aquelas persoas que "coma eles, serviron de axuda e protección a tanta xente represaliada pola defensa da liberdade, a legalidade e as ideas de progreso social".

En nome da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Fernández Pita e Fernando Ocampo recordaron tantas familias que axudaron durante "tempos tan duros" e tamén "aquelas embarcacións que levaron ao exilio francés a numerosas persoas.

O debuxante e humorista Siro López foi o primeiro en escribir unha carta a Binucha Díaz, publicada nun libro da Asociación Memoria Histórica Democrática e que se pode descargar nun código QR que figura na placa da homenaxe.

Heroes morais

Siro recordou que a idea do acto parte dunha petición súa hai varios anos para unha familia de "heroes morais que salvaron vidas alleas de xente que estaba en perigo de perdela". Os seus pais buscaron protección nos primeiros días do alzamento nunha casa dunha curmá de seu pai pero non había sitio e inmediatamente Rudesindo e Benigna cedéronlles unha casa en Cornido e os veciños axudaron, explicou.

A última en tomar a palabra foi Nina Cores, neta dos homenaxeados, quen agradeceu á organización esta homenaxe dedicada á súa familia. Dixo ter lembranzas moi cariñosas de 'Sindito' en Cornido, e mási tristes dos 17 días de cárcere que soportaron seus pais. El "entrou completamente co pelo negro e ao saír non o coñecía, tíñao completamente canoso, e miña nai quedou cun tic nervioso".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios