Contracultura

Siro López: "O máis importante que fago son os ensaios que veñen encher baleiros nos estudos sobre o humor"

Siro López vén de ser galardoado co Premio de Proxección Global do Encontro Mundial de Humorismo da Coruña (EMHU), recoñecendo a súa traxectoria na caricatura, no humor gráfico, no xornalismo e na investigación.
Siro López acumula máis de 50 anos de carreira no mundo do humor. (Foto: Óscar Cela)
photo_camera Siro López acumula máis de 50 anos de carreira no mundo do humor. (Foto: Óscar Cela)

—Que significou saber que ía recibir o Premio do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU)?
Cando tes 80 anos como teño eu, que alguén do meu gremio decida recoñecer o labor que levo facendo en distintas áreas está moi ben. Quero dicir que non o recibo por caciquismo, levo traballando moitísimo debuxando, escribindo, facendo ensaios, programas de radio... Penso que todo iso xustifica que me dean un premio e eu non podo máis que agradecelo. O último ensaio que fixen foi Falemos de caricatura, onde estabelezo un diálogo co escritor Félix Caballero e intento explicar que é unha caricatura e diferenciala dun debuxo de humor, contar a historia de como naceu... Confeso que é un pouco predicar no deserto, seguramente se fose un programa de televisión con moita audiencia, convencería máis xente.

Os libros de ensaio véndense pouco e lense menos, porque hai quen os merca por cortesía, mais acaban quedando nun andel. Son consciente, mais sigo aí activamente, tratando de pór en claro este tipo de cuestións. Fago cousas que estaban sen facer, por exemplo, o anterior ensaio foi sobre as influencias europeas en Castelao, porque é un artista galego, mais tamén universal, e descubrir quen influíu nel artística ou ideoloxicamente ten o seu mérito. 

—A proxección tamén fala un pouco do percorrido. Que lectura fai da súa traxectoria?
Un premio puntual, por unha obra, está moi ben, pero é máis relevante que recoñezan unha traxectoria. Comecei facendo guións no ano 1971, cando vivía en Ferrol, para un programa de radio que levaba Xulia Díaz Sixto.

Despois estiven con ela ante o micrófono e, cando ela quedou embarazada, facía só o programa. Gustoume e tamén comecei a recibir outras chamadas, por exemplo, para un programa de radio para RTVE os sábados pola mañá sobre o humor galego. En principio era para tres meses e acabei botando alí un ano e medio polo éxito que tivo: ao final o humor gusta en todas partes cando está ben feito.

Posteriormente comecei a facer programas pola miña conta e, a pesar de que había temas moi variados, sempre intentaba facer rir. Logo foi cando comecei a facer o programa "Corre Carmela que chove", que tivo tanto éxito que a día de hoxe é máis fácil atopar xente que me felicite por el que polas caricaturas políticas que fixen, aínda que en ambos traballos estiven durante 21 anos. Claro que os políticos, cando fan algún libro de homenaxe a unha persoa xubilada, aínda me chaman para pedir algunha caricatura para meter nas páxinas, mais pola rúa sempre me falan do programa de radio.

Con todo, penso que o máis importante que fago son estes ensaios que veñen encher baleiros que hai nos estudos sobre o humor. Pode que resulte algo pedante dicilo, mais levo 80 anos sendo un tipo moi humilde e agora que recibo este premio tamén é o momento de falar disto. Por exemplo, o meu ensaio Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo é o único que existe sobre por que o autor precisou inventar outra forma de humor e como funcionou na súa obra. Non existe nada semellante en ningunha outra lingua, só en galego, e iso tamén é algo que me enche de orgullo, aínda que só acaben por lelo 20 persoas.

—A súa é unha carreira marcada pola diversidade de formatos.
É moi difícil dedicarte a diversas actividades e facelo ben sempre. Probabelmente eu debera dedicarme a unha ou dúas como máximo e non a tantas. Seino, podería profundar máis, chegar máis aló, mais non me divertiría tanto como o fixen.

Se tivese que volver empezar faría todo exactamente igual, sabendo que vai un pouco en contra de min, pero prodúceme moita satisfacción. Poño como exemplo corrixir os erros presentes nas biografías publicadas de Xosé María Cao Luaces ou presentar a conferencia Picasso e a caricatura no EMHU.

Comentarios