Mocidade Galega pola Memoria preséntase o 16 de agosto en Pontevedra

A mocidade move ficha pola memoria: "É unha materia pendente no noso país"

O movemento Mocidade Galega pola Memoria realiza na vindeira segunda feira o seu primeiro acto público para dar a coñecer os obxectivos e accións que guiarán a súa actividade. 'Nós Diario' conversa con Diego Bará, un dos promotores deste proxecto que tenta involucrar á xente nova nos procesos memorialistas.
Acción reivindicativa da Mocidade Galega pola Memoria fronte á Illa de San Simón (Redondela), noutrora prisión franquista (Foto: Cedida).
photo_camera Acción reivindicativa da Mocidade Galega pola Memoria fronte á Illa de San Simón —Redondela—, noutrora campo de concentración franquista (Foto: Cedida).

Recentemente dicía en declaracións a Nós Diario o vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda e neto do histórico galeguista represaliado, Valentín García Bóveda, que "se miramos cara ao futuro, temos moito que recuperar", en referencia á devolución do Pazo de Meirás ao dominio público e en clara oposición ás mensaxes que instan a "non tocar o pasado".

Con ese mesmo propósito nace o movemento Mocidade Galega pola Memoria (MGM), que na vindeira segunda feira, 16 de agosto, organizará na praza de Santa María de Pontevedra —ás 20 horas— o seu primeiro acto público para dar a coñecer os seus obxectivos.

"A memoria histórica é unha materia pendente no noso país. Hai diferentes asociacións e movementos que están a lograr grandes avances, mais falta involucrar á xente nova", sinala a este xornal un dos seus promotores, Diego Bará.

Para el, a mocidade debe xogar un papel "moi activo" en defensa dunha "verdade" que "non se está a ensinar" no actual sistema educativo. "Moitas mozas e mozos non coñecen a nosa historia porque a partir dunha falsa Transición pretendeuse ocultar, e rachouse co pasado sen vontade ningunha de dalo a coñecer. Nos institutos ofrécese un relato manipulado, é difícil que a mocidade de hoxe coñeza toda a verdade", engade.

A Illa da Memoria

Malia non estar aínda constituída de forma oficial a organización, o pasado domingo a MGM realizou unha primeira acción simbólica en Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), fronte á Illa de San Simón (Redondela), a fin de denunciar o uso que se lle está a dar "como espazo de goce e lecer".

Durante o Goberno bipartito recibira a denominación de Illa da Memoria, mais a chegada de Alberto Núñez Feixoo a San Caetano en 2009 provocou que perdese este título e pasase a ser cualificada como Illa do Pensamento. "Estanse a organizar diferentes actividades [coma o festival de música SinSal] que non respectan o espazo nin a súa historia. San Simón foi un campo de concentración durante o franquismo e isto é algo que pouca xente sabe, polo que cómpre reivindicarmos a illa como un lugar de memoria e de homenaxe ás vítimas", argumenta Bará.

Homenaxe ás vítimas do franquismo

O acto de presentación da MGM decorrerá en Pontevedra na véspera do Día da Galiza Mártir [17 de agosto], unha escolla que non é casual. "É unha data moi significativa para os colectivos memorialistas galegos e queremos presentar o noso traballo e obxectivos rendendo homenaxe ás vítimas do franquismo. Contaremos coa presenza de familiares de persoas represaliadas", adianta.

"Nestes primeiros días estamos a artellar unha campaña de apoios con persoeiros de diferentes ámbitos como a cultura. Xente moza, con forza e habilidades comunicativas como María Prado Rúa [creadora de contidos dixitais], que nos pode axudar a levar a nosa mensaxe ás persoas máis novas e permitir que coñezan unha historia absolutamente descoñecida", salienta.

Tamén Carlos Babío, Goretti Sanmartín, Mercedes Queixas, Luís Bará ou Alberte Mera amosaron estes días publicamente o seu apoio á iniciativa.

"A Xunta e o Estado actúan con certa equidistancia no tocante á memoria"

O Goberno do Estado levará nas vindeiras datas ao Congreso o seu proxecto de Lei de Memoria Democrática, un texto que tenta afianzar os propósitos recollidos na Lei de Memoria Histórica de 2007 e cuxas accións deixou sen financiamento o Executivo de Mariano Raxoi. Aliás, a Administración vén de gañar a súa primeira batalla xudicial aos Franco no xuízo pola titularidade do Pazo de Meirás. Mais, a pesar destes avances, fican aínda numerosas homenaxes a distinguidos membros da ditadura por todo o país.

"Até o de agora non houbo un traballo constante por parte das Administracións, tanto a Xunta coma o Estado actúan con certa equidistancia. O Goberno galego non moveu un dedo pola recuperación de Meirás", lamenta Bará, quen bota en falta "máis políticas públicas que defendan realmente a memoria".

Comentarios