Reabren os xardíns de Meirás como "símbolo contra a impunidade franquista"

Vítimas do franquismo e colectivos memorialistas accederon onte por vez primeira aos xardíns do Pazo de Meirás, que abrirán definitivamente ao público xeral o vindeiro domingo.
Visita dos colectivos memorialistas ao Pazo de Meirás, onte (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Visita dos colectivos memorialistas ao Pazo de Meirás, onte (Foto: M. Dylan / Europa Press).

"Meirás volve como símbolo contra a impunidade franquista. A protagonista hoxe é a xente que durante anos mantivo as mobilizacións coa memoria viva dos seus familiares". Así exemplifica en conversa con Nós Diario o historiador e portavoz da iniciativa Defende Meirás, Carlos Babío, o que supón a recuperación do Pazo de Meirás.

Para el, que o edificio retorne ao patrimonio público é un primeiro paso para "que a sociedade democrática resolva os seus problemas co pasado" e salde a "débeda" coas vítimas de Franco.

O Concello de Sada convidou para presenciar a reapertura dos xardíns de Meirás durante as xornadas de onte, hoxe e mañá vítimas do fascismo na Galiza como Amable Carballeira, Xan Castro, Xesús Díaz ou Manuel Villares, e familiares de destacados loitadores contra a represión como Camilo Díaz, fillo de Isaac Díaz Pardo; María Flor Baena, irmá de Humberto Baena —un dos últimos fusilados no país— ou Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda.

"O seu uso principal —sostén Babío— debe ser como gran centro da memoria democrática. Tamén ten que cumprir outras funcións de reclamo e de utilidade pública, mais en esencia debe ser un símbolo da memoria democrática e da loita antifascista galega".

"Todo comezou nas tabernas. Un día, aquel vello que nunca falaba ergueuse e espetoulle aos franquistas: 'Meirás foi roubado'", afirma Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, un dos colectivos memorialistas convidados a este acto simbólico. "Alá polo 2005, cuspíannos e insultábannos cando levabamos as primeiras pancartas. Mais, porque nós, os colectivos memorialistas, estamos aquí, hai memoria", engade.

Porén, a batalla xudicial non rematou aínda, xa que o último recurso presentado ante o Tribunal Supremo polos herdeiros do ditador podería devolverlles a propiedade do edificio. E tamén está por definir a titularidade dos bens móbeis que abrangue, unha cuestión na que os colectivos memorialistas apremen a Xunta para que os protexa coa denominación de Bens de Interese Cultural (BIC).

"Na sociedade actual o simbolismo ten unha grande importancia, e debemos entender o símbolo de Meirás como o inicio da recuperación dun espolio tremendo. Cumpriría abrir o melón de como resarcir ás vítimas de crimes de lesa humanidade", argumenta Valentín García Bóveda, vicepresidente da Fundación Bóveda, quen insta a mirar cara ao futuro: "Hai anos dicíannos que non mirásemos cara ao pasado, mais miramos cara ao futuro e achamos que Meirás era do pobo. Quizais, se miramos ao futuro, temos moito que recuperar".

Apertura ao público xeral

Desde este domingo poderá acceder ao pazo o público xeral, mais todas as visitas guiadas están xa reservadas até o vindeiro 11 de xullo. Será a primeira vez na historia que unha entidade democrática xestione o acceso a Meirás e o relato que se expón ás e os visitantes.

Comentarios