sábado 24/07/21

Nova Lei da memoria: O movemento considera a proposta insuficiente para pór fin a impunidade

O proxecto de Lei de memoria democrática entra nunha nova fase após a súa aprobación polo Consello de Ministras e Ministros. Sometido a demoras na súa tramitación, chega agora ao Congreso dos Deputados entre críticas do movemento pola memoria, que considera a norma insuficiente para pór fin á impunidade franquista.
Homenaxe ás vítimas do franquismo o pasado domingo na illa de San Simón. (Foto: Nós Diario)
Homenaxe ás vítimas do franquismo o pasado domingo na illa de San Simón. (Foto: Nós Diario)

O agardado proxecto de Lei de memoria democrática xa é unha realidade. A proposta de texto lexislativo aprobado onte no Consello de Ministras e Ministros xorde como herdeira da Lei de memoria histórica de José Luis Rodríguez Zapatero co obxectivo de reverter o esquecemento das vítimas da ditadura franquista. De feito, a norma recoñece esta condición a aqueles que padeceran “individual ou colectivamente, dano físico, moral ou psicolóxico, danos patrimoniais, ou menoscabo substancial dos seus dereitos fundamentais” durante “o período que abarca o golpe de Estado de 18 de xullo de 1936, a posterior guerra e a ditadura, incluíndo o transcorrido até a entrada en vigor da Constitución española de 1978”.

O Estado comprométese a pór en marcha un rexistro de vítimas. A norma recolle 13 supostos que inclúe persoas represaliadas por motivos políticos, sindicais, relixiosos, de orientación sexual ou de uso de linguas, así como a quen ten padecido “danos ou represalias ao intervir para prestar asistencia a vítimas en perigo ou para impedir a  vitimización” así como “partidos políticos, sindicatos, minorías étnicas, asociacións feministas de mulleres, institucións educativas e agrupacións culturais”.

Ao tempo, fixa o 31 de outubro, aniversario do primeiro bombardeo aéreo franquista sobre Madrid, e o 8 de maio, efeméride da vitoria dos aliados sobre os nazis na II Guerra Mundial, como “Día de recordo e homenaxe ás vítimas do golpe militar, da guerra e da ditadura”. 

O cadeado da Lei de amnistía de 1977

O movemento pola memoria considera insuficiente a norma. A activista da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) e escritora Montse Fajardo afirma que “hai avances pero non se chega ao fondo porque non se toca a Lei de amnistía e, polo tanto, os principios da xustiza internacional non van ser de aplicación”. A este respecto, advirte a Nós Diario que “as vítimas seguen sen xustiza e non se garante que se vaian anular sentenzas ditadas polos tribunais franquistas, malia estar recollido no proxecto de lei”.

Pola contra, destaca como positiva “a introdución da memoria democrática no currículo escolar” pero chama a estar vixiantes “para conseguir a súa explicación desde unha perspectiva de xénero, de clase e que teña presente a realidade galega”.

O voceiro da IGM e investigador Xoán Carlos Garrido sinala que “todo avance é benvido”. “Saudamos calquera progreso en relación coa situación actual pero esta norma non pode ser considerada como un tope”. Nesta liña, entende que “o problema dunha lexislación particular sobre a memoria que non toque a fondo o marco xurídico herdado do franquismo, que legaliza os crimes da ditadura e normaliza o período como unha etapa que dalgún xeito continúa no momento actual impide entrar nos problemas fundamentais vinculados aos dereitos humanos”. Denuncia que non fica sen efecto a Lei de amnistía de 1977 e “se non se anula esa norma, non se poden reparar os crimes”.

O investigador e vítima do franquismo Manuel Monge explica que “como a anterior de 2007, a lei ten uns límites que os partidos do Goberno non están dispostos a superar. Os límites de como rematou a ditadura e de como foi a Transición. Non hai nada contra a Lei de amnistía de 1977 e iso impide xulgar os crimes do franquismo. Haberá que seguir acudindo á Arxentina para pedir xustiza”. Monge teme o incumprimento da nova lexislación, como acontece coa Lei de memoria histórica de 2007, e lembra que “a día de hoxe son moitos os concellos que seguen mantendo a simboloxía franquista sen consecuencia xurídica ningunha”.

comentarios