Manuel Reboiras: "1975 foi moi represivo, quixeron acabar co nacionalismo e os seus dirixentes"

"Era o meu protector, o meu guía". Así lembra Manuel Reboiras o seu irmán Xosé Ramón Reboiras, a quen chamaban Pepe na familia e 'Moncho' ou 'Rianxo' na militancia clandestina. Dirixente da Unión do Povo Galego (UPG), tería na actualidade 71 anos se aquel 12 de agosto de 1975 a policía da ditadura franquista non o asasinase. 
Manuel Reboiras, á esquerda, na actualidade. Á dereita, en 1970, xunto a Moncho Reboiras fronte a casa familiar no barrio de Teis, en Vigo (Fotos: Alberte Mera / Foto cedida por Manuel Reboiras)
photo_camera Manuel Reboiras, á esquerda, na actualidade. Á dereita, en 1970, xunto a Moncho Reboiras fronte á casa familiar no barrio de Teis, en Vigo (Fotos: Alberte Mera / Foto cedida por Manuel Reboiras).

O 12 de agosto de 1975 recibiu unha chamada para ir a Ferrol. Que recorda de aquel día?

Sobre as 11 da mañá avísanme para que vaia axiña a casa e dinme que miña nai agardaba por min e que algo grave pasara. Meu pai estaba embarcado e tardaría algún tempo en recibir a noticia. Aviso o meu contacto da UPG para que dese a alerta de que algo acontecera. Viaxamos de Vigo a Ferrol, conduzo eu, imos pendentes da radio.

No parte das 12 falan dun enfrontamento armado nas rúas de Ferrol e a morte dun mozo. Ao chegar, lévannos ao cemiterio e enriba dunha fría mesa de pedra, vemos o corpo de Pepe [nome familiar de Moncho Reboiras] con tres impactos de bala nas costas.   

Aplícannos lei antiterrorista e paso cinco días na comisaría con interrogatorios pola noite para evitar que durmise. Xogaban coa pistola xunto á miña cabeza facendo que disparaban. 

En 2009 o Goberno español repara oficialmente a memoria de Moncho. Mais bota en falta recoñecementos institucionais na Galiza?

O recoñecemento oficial do Goberno español encadrouse dentro do proxecto de lei da Memoria Histórica dun Goberno socialista e os apoios das forzas nacionalistas. Foi importante en canto se recoñecía o meu irmán como vítima do franquismo fronte ao relato de guerrilleiro urbano ou terrorista. 

Sobre o recoñecemento institucional na Galiza, se non o houbo cando gobernou o bipartito... O recoñecemento na Galiza que eu valoro positivamente son os actos que todos os 12 de agosto se lle fan en Ferrol, Imo (Dodro) e tamén en Teis (Vigo). 

Tamén feitos como o de 2004, cando a CIG impulsou a súa figura creando a Fundación Moncho Reboiras; ou en 2009 cando a Fundación Bautista Álvarez editou Moncho Reboiras, O nacionalismo galego nos 70, con artigos de persoas que o coñeceron e situaban o seu compromiso político en todas as frontes (lingüístico, cultural, sindical, organizativo e de combate), pondo as bases para unha biografía máis obxectiva e desbotando ideas que pululaban pola cabeza de algúns sectores nacionalistas (que o presentaban como un guerrilleiro urbano) ou reaccionarios (que o chamaban terrorista). En 2010 a comisión 35 aniversario, promoveu diversos actos e en 2020 a revista Terra e Tempo editou Reboiras, das ideas aos feitos, co filme Reboiras. Acción e corazón, transmitindo un perfil humano e político mais completo. Agora vén de publicarse Reboiras. O camiño da rebeldía, de Xurxo Martínez e Xosé Manuel Pereiro, cunha extensa documentación.  

Cando viu o seu irmán por última vez?

En 1975, en Madrid, cando xa se sentía perseguido e eu regresaba da mili. Levaba bigote de mentira, perruca... tiven que fixarme en como andaba para atreverme a falarlle, non sabía se era el. Falamos de nós, da familia e do partido. Estaba preocupado por algún tema sindical en Vigo.

A represión non acaba no 12 de agosto. Nos seguintes días militantes da UPG son apresados, torturados... Mesmo anos despois, en 1976 vostede é detido.

O ano 75, e tamén o 76, foron especialmente represivos. Había que deixar todo 'atado e ben atado' para un posfranquismo con algunhas reformas e pequenos cambios, e os nacionalismos non estaban ben vistos e querían  acabar con eles e os seus dirixentes. O réxime estaba en descomposición e Franco quería morrer matando. 

Eu tiña que facer algo para liberarme e denunciar o asasinato do meu irmán, estaba nunha situación anímica de rabia e impotencia. Fun a Imo a concertar cunha funeraria a lápida para a súa tumba. No camiño fixen o que sabía facer moi ben: realicei pintadas en todos os valados que atopei de Vigo a Imo. En Padrón fixen unha grande no campo de fútbol: Policía asasina. Abaixo a ditadura. Galicia ceibe e socialista. Alguén controlou a matrícula e déronme o alto no camiño de Buxán (Rois).

Comezaron cos interrogatorios e ameazas. Os gardas civís mallaron en min até ben entrada a noitiña, cando me trasladan á central da Coruña, onde me encerran nun calabozo porcallento e continúan coas vexacións. Estaban a escoitar pola radio a noticia dos fusilamentos de Humberto Baena, Sánchez Bravo e os seus compañeiros e berraban: "a estes fillos de puta, había que matalos ". 

En xuño de 1976, no Castro, en Vigo, detéñenme con Elvira Souto, que facía pouco que retornara do exilio portugués. Aplícannos lei antiterrorista e paso cinco días na comisaría con interrogatorios pola noite para evitar que durmise. Xogaban coa pistola xunto á miña cabeza facendo que disparaban. 

Como era o seu irmán? E como cre que sería hoxe?

Era disciplinado e traballador, estudoso. Escoitaba os vellos falar e lía moito. Analizaba as cousas con criterio e trataba de sacar conclusións positivas. En política sempre dicía: "Aquí non sobra ninguén, todos somos necesarios, cada quen segundo as súas posibilidades e circunstancias". Entendía a educación e formación como base de calquera progreso social,  e daba gran importancia á formación de cadros políticos ben documentados e con criterios propios. 

Pepe tería agora 71 anos e sería un inquedo xubilado preocupado pola evolución do idioma, cultura e política galegas, así como pola falla de unidade do nacionalismo.

O mellor recoñecemento que hoxe se lle pode facer, é que as forzas nacionalistas e progresistas sexan quen de organizar unha alternativa de Goberno galego con poder de decisión para a defensa, desde as institucións locais, nacionais, estatais e europeas, dos dereitos dos pobos e as persoas. 

O réxime quixo que o asasinato de Moncho parecese un suicidio

Manuel Reboiras recorda como, após o asasinato de Moncho, a maioría da prensa escribía "o que ditaban as ordenanzas", é dicir, que Moncho se suicidara após un enfrontamento armado coa policía.

Manuel estivo anos tentando obter os expedientes policiais e da autopsia sobre o acontecido aquela noite, mais non llos daban. En 1979 o sacerdote Francisco Carballo foi procesado por escribir que Reboiras fora asasinado pola policía.

Foi entón cando por fin puideron acceder aos expedientes de Reboiras, xa que o avogado Nemésio Barxa os reclamou como proba para a defensa de Carballo. Estes documentos deixan patente que Moncho non se suicidou e que morreu desangrado no portal en que se refuxiou logo de recibir tres balas polas costas mentres fuxía. Habería ademais dúbidas sobre se chegou a disparar nalgún momento a súa pistola. 

Comentarios