venres 23/07/21

Reivindican San Simón como "a Illa da memoria"

Centos de persoas participaron este domingo, cando se cumpren 85 anos do golpe de Estado, no acto organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria nun espazo que durante a ditadura franquista funcionou como campo de concentración e de represión.
Acto decorrido este domingo na illa de San Simón (Foto: Nós Diario).
Acto decorrido este domingo na illa de San Simón (Foto: Nós Diario).

Tal día como hoxe hai exactamente 85 anos, o 18 de xullo de 1936, as tropas fascistas iniciaban o golpe de Estado contra a II República que desembocaría na ditadura franquista.

Por iso esta mesma mañá, como viña sendo habitual nos últimos anos, a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) organizou unha homenaxe nacional ás vítimas do franquismo na Illa de San Simón —Redondela—, noutrora cárcere do Réxime no que foron asasinadas centos de persoas.

Arredor de 300 persoas de 25 asocacións memorialistas do país participaron deste evento, "cun claro contido reivindicativo", xa que é o único acto que se celebra anualmente en San Simón en relación coa memoria histórica.

"A Xunta converteu a illa nun parque de atraccións, no que decorren sobre todo actividades lúdicas e recreativas, organizadas por empresas privadas, de carácter lucrativo, e que en moitos casos poden resultar pouco respectuosas coa dignidade das persoas que sufriron unha violencia extrema en San Simón nos sete anos nos que foi un duro campo de concentración e represión franquista —de 1936 a 1943—", denunciaron desde a IGM.

Precisamente o obxectivo principal desta convocatoria é reivindicar a conversión do espazo nunha "Illa da memoria" que lembre o acontecido e dignifique ás vítimas, así como "recoñecer a loita solidaria das mulleres da contorna".

A cantautora Sheila Patricia, coa colaboración da artista Xulia María Barros, ocupouse do apartado musical.

Aliás, no acto interviron a escritora Eva Mejuto, autora do libro As lavandeiras de San Simón —editado por Xerais—, e o historiador Carlos Babío, portavoz da Iniciativa Defende Meirás e coautor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio.

comentarios