A Policía identificou 9 dos participantes na acción

Militantes do BNG toman tamén a Casa Cornide en denuncia do espolio

Mentres no Parlamento de Galiza os grupos popular e socialista debaten crear unha comisión parlamentaria na que morra convenientemente o asunto de Meirás, o BNG teima en manter viva entre a veciñanza a reclamación de xustiza e reparación ás vítimas do que foi o espolio do Pazo de Meirás. Espolio que tivo derivacións, como a da Casa Cornide, entregada a Franco en 1962. Esta mañá, membros do BNG despregaron unha faixa no balcón do edificio, tal e como fixeran o pasado 30 de agosto no Pazo en Meirás.

 

Toma simbólica da Casa Cornide na Coruña por militantes do BNG
photo_camera Toma simbólica da Casa Cornide na Coruña por militantes do BNG

A Casa Cornide é un antigo edificio señorial situado no casco vello da Coruña diante da Colexiata de Santa María do que se encaprichou Carmen Polo, a muller de Franco, e que en 1962 foi levada a poxa polo propietario, o Concello da Coruña. A poxa gañouna un personaxe clave no espolio de bens públicos e privados na Coruña e contorna iniciado nos anos da guerra e continuado durante toda a ditadura: Pedro Barrié de la Maza. Daquela, a comezos dos sesenta, o réxime franquista mudara un tanto o método de latrocinio. Facíao a través do aparato administrativo. Todo legal até que chegaba a mans dos Franco.

“Non é só o Pazo de Meirás nin as pezas do Pórtico da Gloria, é moito máis. E aquí, na Coruña, Franco tamén se fixo de maneira ilexítima con patrimonio público”, explicou Avia Veira, concelleira do BNG na cidade, acompañada por Xosé Emilio Vicente, membro da Executiva Nacional nacionalista, a pé da Casa Cornide minutos despois de que militantes do partido accedesen á balconada do edificio con unha escada metálica e despregaran unha faixa co lema: “Que nos devolvan o roubado”.

Avia Veira, concelleira nacionalista na Coruña, e Xosé Emilio Vicente.“Esta casa, esta xoia do século XVIII, tivo a mala sorte de ser vista por Carmen Polo, a quen se lle antollou. E desde ese momento, a máquina do franquismo, púxose a funcionar. Así, o 6 de xullo de 1962 anunciouse no BOP a poxa. Acudiron só dúas persoas, o subxefe do Movemento na Coruña e Barrié de la Maza. Gañou a poxa Barrié por 305.000 pesetas. E cando asinou as escrituras, o 3 de agosto, especificou que a casa se transmitía a Carmen Polo”, recordou Avia Veira.

A concelleira nacionalista lembrou que o BNG xa pediu no pleno municipal que se investigara o proceso polo que se levou a unha poxa a Casa Cornide. Tamén subliñou que os nacionalistas levan reclamando en diferentes institucións a devolución ao patrimonio público do Pazo de Meirás e todos os bens espoliados a partir da estrutura de favores que se conformou en torno ao espolio do Pazo. A semana pasada, Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, presentou en Xenebra unha denuncia diante da ONU para a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego e a ilegalización da Fundación Franco por exaltación do franquismo.

Esta mañá, entre berros de “franquismo, nunca máis!”, medio cento de militantes e cargos públicos do BNG concentráronse fronte a Casa Cornide, e oito deles, entre os que se encontraban Bieito Lobeira, o secretario de organización da formación, e Manuel Méndez, responsable do consello local. Permaneceron durante dúas horas, entre as 11:00 e as 13.00, no balcón do edificio para manter viva na rúa a demanda de xustiza e reparación respecto ao Pazo de Meirás e o conxunto de bens espoliados. 

A policía identificou 9 participantes na acción, as 8 persoas que subiran ao balcón coa faixa e outra que portaba a escaleira de man.

Nota: na foto interior, da autoría de E.D., aparecen Avia Veira e Xosé Emilio Vicente

Comentarios