Unha mesa redonda en Ferrol repasa a traxectoria biográfica de Benito Vicetto

Renales desvela un "reverso escuro", un Vicetto que se adiviña nas súas obras e que é un personaxe cínico, triunfador, rico e cunha gran capacidade de sedución. "Ambos personaxes constitúen a cara e a cruz do mesmo Vicetto", explica.
Xosé Fandiño, Esperanza Piñeiro e Juan Renales, esta terza feira en Ferrol. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé Fandiño, Esperanza Piñeiro e Juan Renales, esta terza feira en Ferrol. (Foto: Nós Diario)

Dentro das actividades que están desenvolvendo a Sociedade Cultural Medulio e a Asociación Ferrolterra Antiga para reivindicar a figura e a obra do escritor, historiador e xornalista Benito Vicetto, esta terza feira tivo lugar, no Antigo Hospicio de Ferrol, unha palestra na que os investigadores Esperanza Piñeiro, Juan Renales e Xosé Fandiño trataron, desta vez, o contexto biográfico do historiador.

Esperanza Piñeiro puxo en contexto a vida tumultuosa de Vicetto -un home extremadamente apaixonado, que viviu en varios lugares e un escritor compulsivo- na época que lle tocou vivir. "Hai que pensar que nos 54 anos que viviu foi testemuña de cinco constitucións, outra dúas que non chegaron a entrar en vigor, e unha constante intervención do exército na vida pública do país", explica.

Pola súa parte, Juan Renales centrou a súa intervención en Vicetto como personaxe de si mesmo, en como se retrataba el mesmo nas súas obras literarias. "Un personaxe que non se correspondía de todo coa realidade: un home xeneroso, idealista, patriota, disposto ao sacrificio... en definitiva creador e representante da nación galega.

Mais ao tempo, Renales desvela un "reverso escuro", un Vicetto que se adiviña nas súas obras e que é un personaxe cínico, triunfador, rico e cunha gran capacidade de sedución. "Ambos personaxes constitúen a cara e a cruz do mesmo Vicetto", explica.

Xosé Fandiño puxo a mirada sobre como viron os demais a Vicetto, debullando referencias explícitas ou agochadas nas obras doutros escritores que, dunha maneira ou doutra foron influenciados por el. Algún deles tan sorprendente como o propio Valle Inclán, que coñecía ben a súa obra. Ou, máis próxima no tempo, Josefina López Serantes, autora da biografía Benito Vicetto iñorado, publicada por Alvarellos en 1978, xunto coa edición da Historia de Galicia do ferrolán.

Fandiño, ademais, puxo en relación as distintas valoracións da súa obra que se fixeron ao longo do tempo co sucedido recentemente, cando o concello de Ferrol -tras reconverter unha moción presentada polo BNG nunha declaración institucional aprobada por unanimidade- nomeou Vicetto fillo predilecto da cidade e realizou unha declaración institucional, na que se valora a súa importante contribución na recuperación da memoria histórica da Galiza.

O Concello, ademais, comprometeuse a restaurar o busto de Vicetto no Parque Raíña Sofía, á colocación dunha nova placa, en substitución da actual, na Rúa Benito Vicetto, en Ferrol Vello, adaptada á legalidade vixente.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios