Un libro recupera a presenza galega no exército de Euskadi en 1936

A Asociación de Recuperación da Memoria Histórica de Marín (Armhm) presentará o 20 de abril a publicación 'Galegos no exército de Euzkadi 1936-.1937' de Sergio Balchada Outeiral editada pola Deputación de Pontevedra.
Milicianos de Pasaia en xullo do 36. (Foto: Fototeka Kutxa).
photo_camera Milicianos de Pasaia en xullo do 36. (Foto: Fototeka Kutxa).

A Deputación de Pontevedra, da man da Asociación de Recuperación da Memoria Histórica de Marín (Armhm), presentará o 20 de abril o libro Galegos no exército de Euzkadi 1936-.1937 de Sergio Balchada Outeiral, unha publicación que pretende recoller e divulgar a presenza de milicianos galegos no 'Euskadiko Gudarostea'.

No acto, que será ás sete da tarde no salón de actos da biblioteca pública municipal de Marín, participará a deputada de Memoria Histórica, María Ortega, o integrante da directiva da Armhm, Tino Igrexas e o propio autor. 

Máis de 2.000 efectivos

Segundo explica Sergio Balchada, cando a primeiros de outubro de 1936 os milicianos do batallón CNT n.º 1 Bakunin se instalaron en Amurrio para ocupar posicións na fronte arabesa non pasaron desapercibidos entre a poboación local, entre outras cousas, polo acento galego de moitos dos seus compoñentes. 

A presenza de milicianos oriúndos da Galiza no Euskadiko Gudarostea, ou Exército de Euskadi, de feito, non foi anecdótica.

Segundo Balchada a cifra, aínda que non pode asegurar o número preciso, podería superar os 2.000 efectivos.

Ademais deste batallón, o historiador apunta que a participación galega estivo presente noutros 75 batallóns que completan as forzas vascas, por exemplo, o Celta, que solicitara unha bandeira "que leve como emblema algo que simbolice a rexión galega", petición feita polo capitán Manuel Lampón Ríos (A Pobra do Caramiñal) e o tenente José Paz Davila (galego, mais sen confirmar o seu lugar de procedencia).

O libro conta, entre outros, con capítulos dedicados a 'Trintxerpe. A quinta provincia galega', 'Bilbo. A formación dos batallóns’' ou 'José Echeverría Novoa. O galego que puido ser lehendakari'.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios