BNG reclama reparar ás vítimas do campo de concentración franquista de Lavacolla

Un preso de Lavacolla: “Alí cometéronse as canalladas máis grandes”

O campo de concentración de Lavacolla foi un dos máis duros da ditadura franquista. Após diversas iniciativas do movemento da memoria para recuperar, o seu pasado o BNG formula diversas iniciativas no Congreso dos Deputados para reparar ás vítimas.

batallon.lavacolla
photo_camera Prisioneiros do campo de concentración de Lavacolla. (Foto: Nós Diario).

O campo de concentración de Lavacolla respondeu ao obxectivo de converter o aeródromo de Santiago de Compostela, aberto ao tráfico en 1935, nun aeroporto continental. Xa á finais de setembro de 1936 o comandante militar da cidade ordena o inicio de obras de mellora da infraestrutura, botando man das “prestacións voluntarias”, sendo probábel, que ao longo de 1937 comezase o traballo escravo no aeroporto.

Sexa como for, as condicións laborais no campo  eran moi duras, con xornadas de doce horas, organizados en dúas quendas, testemuñando o preso Pedro Gómez que “tiñamos que cavar ou cargar oito ou dez vagonetas de metro e medio de terra, e había que levalos por unha vía para ir achaiando terra”.

“O home máis desalmado que coñecín”

Pedro Gómez, non dubidou en afirmar en relación a Lavacolla, que “alí cometéronse as canalladas máis grandes, aquilo mandábao un comandante de enxeñeiros, o home máis desalmado que coñecín”, sinalando Víctor Santidrán, un dos grandes estudosos do campo, que os prisioneiros eran castigados sendo fechados nun hórreo de cantería de grandes dimensións, onde os detidos, só contaban, ás agochadas coas axudas dos nenos.

O número de presos políticos que pasaron pola Lavacolla entre 1939 e 1945 superaron os 7.000. Nunhas instalacións absolutamente colapsadas para acoller a unha cifra tan elevada de detidos, segundo as cifras oficiais nalgún momento chegaron a superar as sete mil persoas, os reclusos foron sometidos a unha condicións de vida de particular dureza.

Aterecidos de frío, en palabras dos prisioneiros que deixaron testemuña da súa estadía, polo estado do local, carentes da roupa básica, até o punto de sinalar o gobernador militar de Lugo nun informe de 1942, que “o vestiario dos presos está bastante deteriorado pero moi particularmente a deficiencia consiste no estado lamentábel do calzado” e afirmándose nun documento da Inspección de campos que “a maioría dos detidos acudían descalzos a traballar”.

O BNG reclama agora a recuperación do campo de concentración e a reparación das vítimas confinadas no mesmo para erguer o aeroporto compostelán, actualmente denominado Rosalía de Castro.

Néstor Rego

Neste sentido, o deputado do BNG, Néstor Rego, reclama cumprir coa lei de memoria histórica e sacar á luz o pasado das instalacións, dando a coñecer o traballo forzado de persoas presas da ditadura franquista, “a comezar, tal e como reclamaban distintas organizacións, pola colocación inmediata dunha placa conmemorativa en lembranza dos presos políticos que participaron na construción da infraestrutura”.

“Por outra banda, as asociacións memorialistas tamén solicitaban a colocación dunha placa conmemorativa en recoñecemento da memoria histórica e en lembranza dos presos políticos que participaron a construción do aeroporto” lembra o deputado nacionalista.

“O Goberno debería dar exemplo e dar cumprimento á legalidade vixente e atender as peticións recibidas para incorporar toda a historia sobre a construción das instalacións” reclama Rego.

A voceira do BNG na corporación compostelá, Goretti Sanmartín, lembrou que en novembro de 2021 xa instou o alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo a realizar as xestións necesarias para a instalación da placa en lembranza de presos políticos participaron na construción do aeroporto de Lavacolla, unha proposta que xa fora demandada noutra iniciativa en marzo de 2017, no anterior mandato municipal.

Comentarios