Bueu homenaxeará Johán Carballeira, asasinado polo franquismo hai 85 anos

O poeta, xornalista e político pasou varios meses encerrado en San Simón após o golpe de Estado e foi fusilado na Caeira (Poio) o 17 de abril de 1937.
O poeta, xornalista e político Johán Carballeira. (Foto: Cedida)
photo_camera O poeta, xornalista e político Johán Carballeira. (Foto: Cedida)

O Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johán Carballeira renderán homenaxe o próximo domingo, 17 de abril, ao poeta, xornalista e político Johán Carballeira, fusilado polas tropas fascistas o 17 de abril de 1937.

Carballeira foi alcalde deste municipio até o golpe de Estado de 1936 e, como lembran desde o Concello, "sempre estivo a favor das causas xustas".

Tras pasar varios meses no cárcere da illa de San Simón foi fusilado na citada data no monte da Caeira, en Poio, onde tamén se perpetrou o asasinato, entre outros, de Alexandre Bóveda.

Contra as 18 horas deste domingo decorrerá a habitual ofrenda floral no monumento que lembra a figura de Carballeira, situado na entrada da praia de Banda do Río.

Posteriormente, ás 19 horas, presentarse o libro Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951), de Xosé Álvarez Castro, nun acto que terá lugar no auditorio do Centro Social do Mar.

Esta obra, publicada por Xerais, analiza as características e modulacións que adoptaron a represión e a resistencia durante o chamado "primeiro franquismo".

Premios Johán Carballeira

Por outra parte, a concellaría de Cultura de Bueu dará a coñecer entre finais de abril e comezos de maio os traballos gañadores dos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo, unha decisión que será adoptada tras a reunión de dous xurados conformados por persoas profesionais do mundo poético e xornalístico, segundo informan desde o Concello.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios