Galiza conmemora o aniversario da estrea solemne do himno galego: estes son os actos programados

Esta cuarta feira decorrerán senllas actuacións nas sete cidades e mais en Arzúa.
Eduardo Pondal. (Foto: RAG)
photo_camera Eduardo Pondal. (Foto: RAG)

O día 20 de decembro, de 1907, no Gran Teatro da Habana, interpretábase por primeira vez solemne e institucionalmente o himno nacional galego. Tempo atrás, en 1890, Pascual Veiga convocou un Certame Musical internacional na Coruña co fin de premiar a mellor marcha para orfeón sobre o poema Os Pinos de Eduardo Pondal, a quen lle encargara a creación dun texto "con obxecto de que, a maneira da Marcha Real, Marsellesa, etc, sexa cantado en toda a Galiza co entusiasmo que desperta no ánimo o Sentimento da Patria".

Para este texto, formado polas catro primeiras estrofas do poema, Pascual Veiga compuxo a música que, despois de diversas vicisitudes, tivo aquela primeira interpretación na Habana. Vía Galega e a federación Galiza Cultura conmemoran a efeméride, esta cuarta feira, 20 de decembro, con actos nas sete principais vilas galegas e en Arzúa.

Ao mesmo tempo, lembran que "o texto do himno galego, recollido na Lei de Símbolos de Galiza de 1984, ten diferentes erros, xa que non bebeu da fonte orixinal pondaliana, senón que se baseou nunha defectuosa versión editorial que tiña herdado erros acumulados. Malia as repetidas iniciativas presentadas desde o ano 1996, o texto do himno continúa presentando alteracións de importancia", que as dúas entidades consideran un "total desleixo e desconsideración a todo o que nos afirma como pobo e identifica como nación".

Axenda das homenaxes

Na Coruña, o Coro Cántigas da Terra actuará na rúa Rego de Auga, fronte ao Teatro Rosalía de Castro. En Arzúa será a Rondalla Moraima xunto coa Escola de música e baile O Bringuelo a que actúe na Capela da Madalena. En Santiago de Compostela, o Coro Crecente, a Coral Solfa e Cantigas e Agarimos actuarán no Teatro Principal. En Ferrol, no Centro Cultural Torrente Ballester, serán Alberte Maceiras, Xoán Padín e As Revoltosas de Antónia Alarcom quen materialicen a homenaxe.

En Lugo, na Praza Quiroga Ballesteros (Praza de Abastos), actuarán a Coral do IV Ciclo da USC e Cántigas e Flores. En Ourense, no Salón de Actos da Casa Sindical, o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum será o protagonista. O Grupo Maravallada serao no Teatro Principal de Pontevedra. E en Vigo, o Coro Tradicional Cantares do Brión e o Orfeón Mariñeiro do Berbés estarán presentes no Auditorio Mar de Vigo.

Todas as actuacións convocadas por Vía Galega e Galiza Cultura decorrerán ás 20 horas desta cuarta feira, excepto a de Ourense, que comezará ás 20.30 horas.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios