Ferrol inaugura o seu monumento ás vítimas do franquismo

Nun multitudinario acto participaron familiares das vítimas das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal

Un momento do acto de inauguración do memorial en Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un momento do acto de inauguración do memorial en Ferrol (Foto: Nós Diario).

A cidade de Ferrol conta desde este sábado cun monumento en recordo ás vítimas da represión franquista. Trátase dunha grande escultura, obra do artista local de orixe lusa Manuel Patinha,  cunha inscrición cos nomes das vítimas.

A inauguración da obra, emprazada no parque Antón Varela, no barrio de Canido, converteuse nun acto de reivindicación da memoria contra a represión da ditadura.

Malia as condicións meteorolóxicas adversas, foi un evento multitudinario no que participaron descendentes das máis de 900 vítimas que defenderon a democracia entre 1936 e 1975 nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Representantes das tres comarcas

Portando fotografías, en representación dos seus familiares e dos que foron represaliados nas tres comarcas, falaron Antonio Deza, María Isabel Serantes, María Jesús Armada, Ana Prados. Na súa intervención relataron como foi a represión que sufriron e como as autoridades humillaron ás familias.

No acto tamén participaron os historiadores Bernardo Máiz, membro da comisión que impulsou o memorial, e Xosé Manuel Suárez. O primeiro salientou as matanzas que realizaba o réxime e o segundo, ademais de relatar as dificultades que houbo para que se fixera realidade o memorial, leu o poema "Como pudemos viver", de Ricardo Carvalho Calero.  

Música do Coro Toxos e Froles

O mal tempo complicou o descubrimento da escultura e a placa, no que participaron os alcaldes de Ferrol, Narón, Pontedeume e Ortigueira en representación das tres comarcas e Manuel Reboiras, Estefanía Pérez, Manuel Sardiña e Francisco Pita por parte dos familiares das vítimas.

O acto concluíu cunha ofrenda floral na que participou o público, que portaba caraveis coas cores da bandeira republicana, e coa interpretación do himno galego por parte do Toxos e Froles, que puxo música ao acto en diferentes momentos con pezas escollidas.

Entre elas soaron as que gardan relación con Xaime Quintanilla Martínez, varios anos director artístico da entidade e presidente no ano 1922, que foi asasinado o 18 de agosto de 1936 no cemiterio de Canido.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios