O monumento ás vítimas do franquismo de Ferrolterra inaugúrase este sábado

A escultura instalarase no parque Antón Varela
Escultura de Patinha en memoria das vítimas do franquismo. (Foto: Xosé Manuel Suárez)
photo_camera Escultura de Patinha en memoria das vítimas do franquismo. (Foto: Xosé Manuel Suárez)

A cidade de Ferrol contará desde este sábado cun monumento en recordo ás vítimas da represión franquista que estará emprazado no parque Antón Varela, no barrio de Canido. Consistirá nunha grande escultura, obra do artista local de orixe lusa Manuel Patinha, e cunha inscrición cos nomes dos máis de 900 falecidos por esta causa entre 1936 e 1975 nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, entre eles Moncho Reboiras, Daniel Niebla ou Amador Rey.

A inauguración, que contará con música, poesía, unha ofrenda floral e diferentes intervencións, desenvolverase desde as 12 horas e a ela acudirán familiares das vítimas do franquismo. O monumento instalarase na parte traseira do instituto que hoxe ocupa o predio do desaparecido cemiterio municipal, un dos lugares das comarcas no que se executou boa parte dos asasinatos a mans dos sublevados franquistas.

A escultura metálica que o artista Manuel Patinha cedeu desinteresadamente ao Concello instalarase sobre unha mesa de formigón recuberta de granito, con nomes das vítimas gravados en metacrilato e ordenados alfabeticamente dentro de cada ano. 

A Asociación Memoria Histórica Democrática valora que se honre aqueles que perderon a vida en defensa dos seus ideais de progreso e ben común. Desde a Comisión puxéronse en contacto con familiares dos que teñen constancia, a pesar da dificultade que supón saber se están vivos os descendentes daquelas vítimas. Ente as asasinadas e represaliadas tamén hai vítimas doutros Estados, como Italia ou Portugal.

Censura do Goberno local

A instalación desta escultura memorial non estivo exenta de polémica, pois o Goberno local, do PP, negouse a aceptar a proposta da Comisión para que familiares de Moncho Reboiras, asasinado en 1975, participasen no acto de inauguración do monumento, tal e como denunciaron tanto desde o BNG como desde Ceaqua. O PP defendeu a súa postura alegando que Reboiras era unha figura "conflitiva".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios