Ex presos políticos lembran Reboiras e a represión de 1975

Catro militantes da Unión do Povo Galego non foron liberados até 1977
Manuel Fernández 'Remesar', Marisa Vázquez, Xosé María Brañas e Xan López 'Lito'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel Fernández 'Remesar', Marisa Vázquez, Xosé María Brañas e Xan López 'Lito'. (Foto: Nós Diario)

Ao asasinato pola Policía franquista do dirixente nacionalista e militante da Unión do Povo Galego (UPG) Xosé Ramón Reboiras Noia, 'Moncho Reboiras', tal día como hoxe hai 48 anos, seguiuno unha forte represión contra o nacionalismo. Nós Diario conversa con ex presos políticos da UPG que foron encarcerados polo franquismo naquel agosto de 1975 e que permaneceron na cadea até 1977. 

Moncho Reboiras segue presente no día a día de Marisa Vázquez e Manuel Fernández 'Remesar', dous ex presos políticos da UPG que recordan Reboiras en conversa con Nós Diario como un "elo fundamental" no nacionalismo, "un dos imprescindíbeis", engade Vázquez.

Tanto o asasinato de Reboiras como a detención de ducias de nacionalistas e a persecución de militantes da UPG foron manobras dun réxime ditatorial que intentaba borrar un nacionalismo galego en auxe. Algúns e algunhas delas víronse obrigadas a exiliarse, fuxindo a un Portugal que comezaba a vivir unha nova situación política após a revolución do 25 de abril. Foi o caso de Xosé Moa, Elvira Souto, Elsa Costas, Fernando Souto ou García Crego.  

Manuel Naia, Carlos García, Fernando Suárez, Fernanda Cotelo, Amparo Carracedo, Xosé Manuel Fernández, Marisol Juárez, Gonzalo Rei, Asunción Muñiz, Margarita Vázquez, Luz Rei ou Lois Diéguez son nomes que figuran na lista de detencións que seguiron o asasinato de Reboiras. Foron detidos e nalgúns casos tamén torturados

Catro dos militantes da UPG detidos permaneceron na cadea até 1977, dous anos despois do pasamento do ditador Francisco Franco. Marisa Vázquez, Manuel Fernández 'Manolo de Remesar', Xosé María Brañas e Xan López 'Lito' viron as súas vidas truncadas nun momento no que o Estado español albiscaba no horizonte un novo período democrático. 

Presos políticos

O primeiro foi Brañas, detido en Guntín (comarca de Lugo) mentres trasladaba no seu coche dous militantes de Euskadi ta Askatasuna: Emilio Goitia Batiz e Iñaki Villanueva Lanza. No cuartel de Lugo os vascos "cantan todo", narra Brañas no filme documental Reboiras. Acción e corazón (2020), e intenta manter a súa identidade política en segredo diante das forzas policiais. Até que é trasladado á Coruña, onde tanto o interrogatorio como as torturas soben de nivel. A "Brañas foi ao que máis torturaron", confesa no documentario Lito (finado en marzo do ano pasado).

Ao propio Lito detivérono na madrugada do mesmo 12 de agosto de 1975. As torturas no cuartel tampouco foron poucas: "dun culatazo na cabeza quedei 'grogui' durante tres días, 72 horas, non me saía nin a sinatura" explica no filme. 

Finalmente, a Marisa Vázquez e a Remesar a súa detención, acontecida en Compostela tamén o día 12, "colleunos por sorpresa", segundo explica a propia Vázquez a Nós Diario

Vivindo na clandestinidade, descoñecían o asasinato de Moncho Reboiras horas antes. Remesar lembra que foi detido ao entrar nun piso franco que o partido tiña na rúa Rosalía de Castro da capital do país, onde o estaban agardando axentes policiais: "Xa estaban dentro, non puiden facer nada", recorda para este xornal. Marisa Vázquez, na mesma rúa, intentou refuxiarse entre unha multitude curiosa que observaba a operación, "querendo saber tamén que era o que estaba a pasar". Sen moito éxito, pois foi recoñecida por un axente da Policía franquista. 

A construción dun túnel para poder fuxir da prisión da Coruña

Tanto Remesar como Marisa Vázquez coinciden en conversa con Nós Diario en que os interrogatorios que seguiron ás súas detencións foron "moi duros", até o punto de afirmar, como fai Vázquez, que "entrar no cárcere naquela altura, para min, foi un alivio: significaba que remataban os interrogatorios"

Ambos lembran unha estadía "tranquila" no cárcere, se ben tamén recoñecen a súa participación no intento de construción dun túnel para intentar escapar. Marisa lembra como levaba a roupa escondendo a terra escavada, mentres os policías do cárcere lle dicían: "Quen ben, as mulleres a lavar a roupa dos seus homes".  Estes catro presos políticos galegos mantíñanse ao tanto da actualidade política do exterior a través dos seus avogados, Nemésio Barxa e Teresa Conde Pumpido, da prensa e da radio, a través da cal souberon, conta Remesar, do falecemento do ditador en 1975.

A ansiada liberación chegou coa amnistía do 77. Aínda que agardada, esta liberdade viu acompañada nos anos seguintes e xa "en pleno período democrático" de vixilancia policial, no caso de Vázquez. "Para nós, os controis seguiron durante moitos anos", afirma. 

No caso de Remesar, seguiu tamén a represión pola actividade sindical que desenvolveu á saída do cárcere.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios