Xosé Luís Delgado Núñez, o martirio das e dos nacionalistas en Valdeorras

XoséLuisDelgadoNúñez
photo_camera Xosé Luís Delgado Núñez

Esta por facer a crónica do nacionalismo galego  no Valdeorras republicano. A reorganización do movemento irmandiño, a constitución da “Irmandade Galeguista de Valdeorras” en 1930 da man de Xaime Prada, de Manuel Blanco Pascual, de Domingo Cotarelo, dos irmáns García Núñez, entre eles aquel Gaspar que partillaba soños e conspiracións nos anos cincuenta con Bautista Álvarez nas adegas de Corgomo. A fundación da sección comarcal do Partido Nazonalista Repubricán de Ourense, a organización do mitin de Otero Pedraio no Barco en maio de 1931, a formación do Partido Galeguista, a posta en marcha das poderosas organizacións locais de Vilamartín, do Barco, de Rubiá e da Rúa con máis de 350 afiliados, a celebración do Día da Patria Galega, o trunfo, a persecución, a guerrilla e o martirio... Á cabeza do martirio, foi o primeiro, Segundo García Núñez, despois Manuel Fernández García e tamén Antón Arias Prada, Elías López Delgado, Arturo López Delgado, Leopoldo González Delgado e Xosé Luís Delgado Núñez.

Un máis pero non un calquera no Valdeorras nacionalista. Xosé Luís Delgado Núñez, un labrego nado en Portela no concello de Vilamartín en 1911, fixo parte da agrupación local do Partido Galeguista, formada por 143 militantes, que nas eleccións de febreiro de 1936 obtería 703 votos, unha das mellores porcentaxes electorais da circunscrición de Ourense. Membro da súa equipa de dirección, formou no consello da organización nos momentos máis decisivos da organización, ocupando labores de responsabilidade á volta de 1936 canda Antón Arias Prada “Clavel”, presidente, concelleiro guerrilleiro e mártir, Manuel Guitián Folla,vicepresidente, Florencio Delgado Gurriarán, o grande poeta exiliado en México, Filipe Rodríguez, Elías López Delgado, Aurelio Losada, Francisco Delgado, Leopoldo López, Domiciano Guitián, Manuel González e Agustín López Delgado.

As pegadas da súa traxectoria vital e política están presentes nas grandes loitas sociais da comarca. Á altura de xuño de 1934, coincidindo coas importantes mobilizacións agrarias en demanda do cumprimento  das condicións laborais fixadas na lexislación republicana e  do aumento dos salario dos xornaleiros, será tiroteado polo crego Xosé Caurel, após acudir a tocar as campás para que os veciños se sumasen a protesta. Os enfrontamentos co cura da parroquia terán continuidade ao longo do período republicano, sendo denunciado en marzo de 1936 por ter  protestado contra o párroco, esixíndolle que abandonase á Portela e que fixese efectiva a entrega da casa reitoral e do cemiterio ao concello, tal como establecía a lei. E así chegou o levantamento fascista, a defensa coas armas na man da legalidade democrática e o enfrontamento o 21 de Xullo á entrada de Vilamartín coa columna de fascistas e militares que tentaban tomar a localidade.

Os días e meses seguintes foron tempos de fuxida, clandestinidade, plans de acción e fracasos. Agochado nos montes da zona cun número relativamente importante de veciños de Vilamartín tenta dirixirse á Asturias para incorporarse ás unidades do exercito popular que mantiñan a loita contra o fascismo, obxectivo que non consegue a diferenza doutros compañeiros Antón Arias Prada “Clavel” ou Elías López Delgado que chegarán a ser nomeados sarxentos do “Batallón Galicia”. Unha denuncia anónima posibilita a súa localización en 1937, iniciándose un  consello de guerra en Ourense contra Delgado Núñez e os seus conveciños Xoán Antonio Álvarez Quiroga, Antonio Rodríguez García, Antonio Fernández e Xosé Sández García. O 7 de marzo de 1938, fai exactamente 80 anos, será fusilado no campo de Aragón da cidade das Burgas, en cumprimento da sentenza daquel xuízo farsa.
 
 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios