Tres décadas de tributo á memoria de Moncho Valcarce na Coruña

O cura das Encrobas recibiu unha homenaxe no cemiterio de Santo Amaro.
Rubén Cela durante o tributo do BNG a Moncho Valcarce na Coruña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Rubén Cela durante o tributo do BNG a Moncho Valcarce na Coruña. (Foto: Nós Diario).

O grupo de barrio do BNG de Monte Alto, na Coruña, organizou por primeira vez en 1994 un tributo á memoria de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas. Desde entón, esta homenaxe anual reivindica a loita e o compromiso revolucionario do crego nacionalista Ramón Valcarce Vega.

Este 27 de xaneiro, o cemiterio de Santo Amaro acolleu de novo o acto tradicional do BNG, no que ademais dunha ofrenda floral as persoas participantes tiveron palabras de recordo para Valcarce e a súa militancia política.

O presidente da Fundación Galiza Sempre e coordinador da campaña do Bloque, Rubén Cela, afirmou tras a ofrenda floral que "a mellor homenaxe que lle podemos facer ás xeracións que nos precederon, as que construíron o edificio da autoorganización do pobo galego, a mellor homenaxe que lle podemos facer a Bóveda, Castelao, Reboiras ou a Moncho, é seguir o seu traballo e a súa acción política".

"E iso concrétase en traballar duro, duro, duro, de aquí ao 18 de febreiro, para facer posíbel ver unha alternativa nacionalista á fronte do goberno do noso país", engadiu Cela, nun salto cara actualidade política da Galiza.

O legado do cura das Encrobas

"O nacionalismo nunca estivo tan perto da presidencia da Xunta", porfiou, para insistir na importancia que concentra o próximo 18-F.

Para Rubén Cela é perfectamente verosímil que Ana Pontón sexa a próxima presidenta da Xunta. "E iso ocorrerá nun momento histórico que non é calquera, porque no Estado español estase a abrir a oportunidade de que se poña sobre a mesa a plurinacionalidade do Estado. E non é indiferente que nese debate, por vez primeira na historia, Galiza poida estar en pé de igualdade con Euskal Herria e Catalunya e sente na mesa cunha presidenta nacionalista, coas mans libres, que defenda os intereses nacionais de Galiza", remarcou.

No seu discurso, Cela reivindicou a plena vixencia do legado do cura das Encrobas. A vixencia do seu amor por Galiza, do seu firme compromiso coa necesidade de que o pobo galego se dotase de organizacións propias soberanas –sindicais, políticas– e da súa defensa da terra.

A súa loita cívica en defensa das Encrobas contra o espolio de Fenosa é a mesma que décadas despois libra o nacionalismo galego fronte a indiscriminada implantación de muíños eólicos, a megaminaría ou a permanencia de Ence na ría de Pontevedra, repasou Cela. "A mesma apaixonada defensa da terra galega e das súas clases populares, desde Moncho até hoxe".

Cela trazou un fío de conexión desde Valcarce até o BNG de hoxe e viu nel o mesmo compromiso "a prol da causa do autogoberno, a prol de deixarmos de ser unha reserva de materia prima e man de obra barata para a industrialización e a modernización doutros territorios do Estado, nomeadamente de Madrid".

Moncho Valcarce

Valcarce comezou a súa loita política a comezos da década dos 70, primeiro nas filas do Partido Comunista internacional, unha organización de orientación maoista antecedente do Partido do Traballo (PT) e xa desde finais de 1974 no movemento nacionalista. Fundador da Asemblea Nacional Popular Galega(AN-PG) en 1975 e do BNG, candidato polo BN-PG nas primeiras eleccións após a morte de Francisco Franco, pasou varias veces polo cárcere antes e após a morte do ditador polo seu compromiso político. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios