A cidade da Coruña aínda conta con 180 símbolos franquistas

Verea homenaxeará catro homes represaliados.
Manuel Monge. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel Monge. (Foto: Nós Diario)

"A Administración Xeral do Estado español confeccionará en colaboración co resto das Administracións públicas un catálogo de símbolos e elementos contrarios á memoria democrática, incorporándose ao mesmo en todo caso os datos subministrados polas comunidades autónomas, e conterá a relación de elementos que deban ser retirados ou eliminados".

Así dita o artigo 36.1 da Lei de memoria democrática do Estado español, engadindo no artigo 36.2 que "poderán incluírse ao mesmo aqueles elementos que se soliciten polas vítimas, os seus familiares ou as entidades memorialistas, en defensa do seu dereito ao honor e á dignidade, ou resulten de estudos e traballos de investigación".

Con base nesta lexislación e como vítima do franquismo e investigador, Manuel Monge González presentou esta sexta feira, 1 de setembro, na Subdelegación do Goberno español na Coruña un escrito, dirixido ao Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, no que dá conta dun catálogo con 180 símbolos franquistas presentes aínda a día de hoxe na cidade da Coruña. Monge recolle na documentación un total de 30 rúas; 21 retratos; 28 distincións honoríficas; 83 placas, escudos e monumentos; 14 distincións en dependencias do Ministerio de Defensa e catro en centros de ensino.  

De entre os nomes recollidos por Monge destaca o de Manuel Fraga, ministro durante a ditadura franquista; José Calvo Sotelo, ministro durante a ditadura de Primo de Rivera; ou Pedro Barrié de la Maza, que desenvolveu un papel importante no financiamento do exército de Francisco Franco.

"Agardo que estas 180 referencias da Coruña se incorporen ao catálogo de simboloxía franquista que se está a elaborar a nivel estatal" , sinalou Monge, adiantando que solicitará as sancións previstas na propia Lei de memoria democrática "se o Concello da Coruña persiste na negativa á súa eliminación".

Homenaxe en Verea

Por outra parte, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Concello de Verea organizan mañá unha homenaxe a catro homes que foron represaliados o 29 de agosto de 1936 na poza das Ras. Julio González, mestre; Amadeo López, mestre e militante do Partido Galeguista; Silvio Torres, chofer; e Eloi Romero, farmacéutico, foron tiroteados até a morte e os seus corpos, abandonados no lugar "para espallar o terror entre a veciñanza". Por estes feitos, tanto o Comité como o Concello pedirán a declaración da poza  Ras como Lugar de Memoria.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios