Un cento de persoas lembran Amado Garra no aniversario do seu nacemento

Familiares e membros do Ateneo Amado Garra fixeron unha ofrenda floral en memoria do lider agrarista e republicano ponteareán.

O acto tivo lugar diante do panteón da familia Garra. (Foto: Ateneo Amado Garra).
photo_camera O acto tivo lugar diante do panteón da familia Garra. (Foto: Ateneo Amado Garra).

O cemiterio de Ponteareas acolleu onte un acto de homenaxe ao político republicano e agrarista da localidade, Amado Garra Castellanzuelo, organizado polo Ateneo Amado Garra e coincidindo co 150 aniversario do seu nacemento e coa recente entrega no Concello de Ponteareas, do traballo de investigación sobre a vida de Amado Garra, realizada por Roberto Mera, Premio de Investigación Fermín Bouza Brey neste ano 2023.

O acto desenvolveuse diante do panteón da familia Garra, onde descansan os restos de Amado Garra así como do seu irmán, Emilio, primeiro alcalde republicano de Ponteareas.

Roberto Mera dirixíuse aos asistentes lembrando que Garra faleceu en 1948 e aclarando que “en realidade a súa morte tivo lugar en 1936,  porque a morte é o esquecemento, esa é a verdadeira morte”.

O avogado e politólogo salientou que co acto “o que estamos facendo é vencer á morte derrotando ao esquecemento ao que quixeron condenar a Amado Garra aqueles que representaban todo o contrario dos seus valores e principios democráticos “.

Tras enumerar ducias de parroquias e localidades nas que Garra “coa súa oratoria, liderado e carisma deixou a súa semente de liberdade, igualdade e fraternidade”, Mera foi introducindo na súa intervención o pensamento e a acción do líder agrarista e republicano coa lectura de fragmentos de discursos e artigos do propio Garra.

O biógrafo do fundador de El Tea lembrou as homenaxes multitudinarias das que foi obxecto nos anos 20 e 30 do século XX e explicou que naqueles actos as bandas de música interpretaban a Marsellesa como himno de liberdade, que acto seguido soou no cemiterio de Ponteareas, rematando cunha pechada ovación.

Despois de sinalar que “a Marsellesa formou parte da banda sonora da vida política de Amado Garra, como sinónimo dos valores supremos de liberdade, igualdade e fraternidade”, Roberto Mera, engadíu que “se algunha obra de arte representa os valores e a traxectoria de Garra esa é “A liberdade guiando ao pobo” de Delacroix”, para concluir comparando ese icono universal con Amado Garra “guiando ao noso pobo cando o 14 de abril de 1931 perante unha multitude izou a bandeira tricolor da II República no balcón do Concello de Vigo, proclamando o novo réxime democrático antes que en calquera outra cidade do Estado”.

Trala intervención de Mera, Pacha Salgueiro Garra, en nome da familia, adicou unhas palabras de agradecemento aos organizadores e de lembranza a Amado Garra, e, acto seguido, Nahir Covelo en representación do Ateneo e José Higinio Suárez Garra, en nome da familia, despositaron un ramo de flores a carón da sepultura de Amado Garra. Acto seguido, Covelo e varias persoas máis fixeron unha lectura do manifesto fundacional do Ateneo Amado Garra, nun acto que concluíu co Himno de Riego e o Himno Galego.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios