“A Casa Cornide é do pobo”: IV marcha na Coruña para demandar a recuperación do inmóbel espoliado polos Franco

Reividnicación e festa van da man na cidade na iniciativa de Defensa do Común para reclamar a recuperación desta casa, propiedade dos Franco.
A Coruña. 
IV Marcha Cívica Por La Devolución de la Casa Cornide
Los actores Fernando Morán e Isabel Risco caracterizados de Francisco Franco y Carmen Polo.
11/11/2023
Foto: M. Dylan / Europa Press
photo_camera A marcha percorreu a distancia entre María Pita e Casa Cornide (Foto: Europa Press / M. Dylan)

A praza de María Pita acolleu este sábado o inciio da IV Marcha pola devolución da Casa Cornide, unha iniciativa que demanda o retorno ao pobo da Coruña deste céntrico inmóbel expoliado pola familia Franco. Unha casa pendente de ser traspasada ao Concello da Coruña despois de que o 12 de setembro de 2019 o pleno municipal aprobara unha moción por unanimidade solicitando que o ben fose incorporado ao patrimonio da cidade.

Coma nas marchas anteriores, a reivindicación decorreu nun ambiente festivo, na que non fallou a música nin a presenza duns particulares Franco e Carmen Polo a laiarse de que lles queiran quitar “lo que es nuestro”. Un dos mestres de de cerinomia da marcha foi Xurxo Souto, presente en toda canta mobilización social hai nesta cidade e no conxunto do país.

CORNIDE 4

Esta iniciativa (apoiada por Defensa do Común, Asociacións Veciñais: Agra Orzán, Gaiteira-Os Castros, IAR-Castrillón, Monte Alto, Cidade Vella, San Cristobal das Viñas-Birloque, Eirís; A.C. Alexandre Bóveda, O Facho, Amigos dos Museos de Galicia, Proxecto Cárcere, C.S. Gomes Gaioso, A.C. Irmáns Suárez Picallo de Sada, Plataforma en Defensa da ría de Sada-Betanzos, Acampa, Vangarda Obreira, Forum Propolis, Galiza Nova, Erguer, BNG, Podemos e Unión Republicana) tamén solicita que o concello presente unha denuncia no Xulgado para recuperar a propiedade, algo polo que se leva agardando 50 meses.

“A adquisición da Casa Cornide foi unha auténtica operación de Estado que se organizou durante varios anos. No podía aparecer como a transmisión dunha propiedade pública a unha persoa privada como Carmen Polo, esposa de Francisco Franco (ditador do Estado español na altura), e por iso a solución para superar ese problema foi convocar unha poxa, previamente amañada”, explican desde a organización.

A Casa Cornide foi mercada en 1948 pola Dirección Xeral de Belas Artes (Ministerio de Educación). Con Alfonso Molina como alcalde pasa a propiedade municipal, mediante un expediente incoado en 1958 e formalizado en xuño de 1962 a través dunha permuta co Ministerio de Educación, que recibe a cambio unha parcela municipal en San Roque.

Segundo lembra o sociólogo Manuel Monge a este xornal, "hai 50 meses –en 2019– aprobouse presentar nos xulgados a documentación requirida para recuperar a propiedade da Casa Cornide. Eses papeis, un informe xurídico e un informe histórico, están preparados desde hai dous anos, e o que imos pedir é que se presenten xa".

CORNIDE 1

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, comprometeuse o pasado mes de setembro a reclamar a propiedade da Casa Cornide no prazo de 100 días, un período que sitúa a data límite nos primeiros días de 2024 e que obriga o Goberno local a impulsar unha acción municipal paralizada desde hai demasiado tempo. "Se hai cinco anos se acordou por unanimidade presentar os escritos no xulgado e están listos desde hai dous, cremos que xa é hora de cumprir con este mandato", recalca Monge.

Ben de Interese Cultural

Neste compás de espera a Xunta declarou a casa Cornide Ben de Interese Cultural, un recoñecemento que exixe á familia Franco abrila ao público cando menos catro días ao mes, definidos con antelación e, no mínimo, durante catro horas ao día; un precepto que non está a cumprir.

"Esa declaración foi unha vitoria importante", admite Monge, "pero a familia Franco négase a abrir o palacio como exixe a lei, polo que a Xunta debería exhortala a que o faga e canto antes".

A cargo da "operación de roubo da Casa Cornide e do pazo de Meirás", explica Monge, estiveron polo menos tres persoas que aínda se citan como "coruñeses exemplares" cando non son máis que "significados franquistas ao servizo da ditadura e da familia Franco". Neste sentido, Defensa do Común reclama a retirada de rúas, retratos e distincións que manteñen Pedro Barrié, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría. "Agora mesmo hai unha nova Lei de memoria democrática que, nos seus artigos 40 e 41 sinala a supresión de títulos nobiliarios e a retirada da distinción de Conde de Fenosa a Pedro Barrié pola súa vinculación co franquismo. Por iso insistimos en que se aplique a norma e se acabe cos privilexios destas persoas implicadas no espolio da Casa Cornide".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios