Carlos Babío: "Quen cuestiona o relato do franquismo termina no banco dos acusados"

O historiador conversa con Nós Diario após a súa comparecencia no xuízo por un presunto delito de inxurias á familia Franco.
O historiador Carlos Babío (Foto: Nós Diario).
photo_camera O historiador Carlos Babío (Foto: Nós Diario).

"É difícil atopar un cualificativo, inexplicábel quizais". Así relata a Nós Diario Carlos Babío a súa comparecencia nos xulgados de Betanzos por mor da querela penal presentada pola familia Franco por un presunto delito de "inxurias e calumnias". O historiador declarou por vía telemática, xa que a causa se está a tramitar en Madrid.

O pasado mes de decembro, a familia Franco abandonou definitivamente o Pazo de Meirás, após un longo proceso que se iniciou, en boa parte, grazas á detallada investigación de Babío reflectida na obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio. "Xúlganme por difamación pola mesma cuestión pola que se me nomeou testemuña perito nesta causa", lamenta.

O historiador apunta que "todas as ditaduras teñen un aparato de propaganda que as axuda a construír relatos", contra o que el precisamente loitou: "O que fixemos foi expor a verdade, mais semella que calquera que faga un relato alternativo ao do franquismo termina sentado no banco dos acusados", argumenta Babío, que na súa declaración ratificou as palabras ditas até o de agora.

"Poño a man no lume por todas as persoas que participamos no proceso. Non pretendemos empregar insultos ou calumnias, senón amosar o relato verdadeiro", insiste.

Causa civil pendente

Alén da querela penal pola que onte compareceu, Babío ten pendente aínda outra cita coa Xustiza, desta volta pola vía civil, aberta tamén nun xulgado de Madrid pola familia do ditador.

Nesta causa, o historiador está acusado polos sete netos de Franco dunha suposta "vulneración da protección dos dereitos fundamentais á honra, a intimidade persoal e familiar e a propia imaxe", polos comentarios vertidos en 2018 no programa No punto de mira, da canle estatal Catro, cuxos responsábeis tamén foron citados a declarar.

"Como se pode calumniar un ditador dicindo nada máis que a verdade sobre o que aconteceu? Un Estado ditatorial non é un Estado normal", matiza, facendo fincapé en que a familia do ditador, que actúa "de forma desesperada", actúa crendo que "aínda quedan reminiscencias do franquismo en determinados ámbitos da xudicatura".

Pór fin ao espolio

Babío agarda que a sentenza de Meirás sente cátedra e permita axilizar os trámites para a devolución ao dominio público doutros bens espoliados polos Franco como a Casa Cornide ou as estatuas do Mestre Mateo.

"É un procedemento sinxelo, abonda con que a Xunta incoe o expediente para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC), algo que foi chave na recuperación do Pazo", salienta o historiador, que lamenta os "anos perdidos" na recuperación de Cornide. "Hai un consenso total a respecto de que lle corresponde a denominación de BIC", engade.

"A Xunta pretende dar a imaxe de que traballa a prol da recuperación cando en realidade non o fai", expón. Con todo, Babío cre que o Goberno galego actuou cunha "axilidade incríbel" na declaración como BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

Comentarios