Carlos Babío: "Non podemos converter o debate sobre Meirás nun Pardo Bazán, si, ou Pardo Bazán, non"

A batalla continúa para o autor de 'Un pazo, un caudillo, un espolio'. En vindeiras datas, Carlos Babío terá que afrontar en Madrid a enésima demanda da familia do ditador, que chega nun contexto no que a Galiza, en xeral, e A Coruña, en particular, loitan pola recuperación doutro edificio histórico en mans dos Franco: 
Sobre a Casa Cornide, Babío pensa que "se perdeu tempo". (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sobre a Casa Cornide, Babío pensa que "se perdeu tempo". (Foto: Nós Diario)

Carlos Babío afronta unha nova demanda por parte dos Franco. O xuízo será en marzo, e as familiares do ditador piden 50.000 euros por intromisión na súa honra e imaxe a el e a outras demandadas –entre os que se inclúe un ex parente seu como é Jimmy Giménez Arnau– polas declaracións vertidas nun programa de televisión. Un novo intento de silencialo?
Si, é o mundo ao revés. Mesmo intentan imputarnos un delito de odio polo mero feito de denunciar os seus privilexios, abusos... Os Franco están levando a cabo un acoso e derribo contra todas aquelas persoas que denuncian esa impunidade e eses abusos, vémonos sometidas a un acoso xudicial inaudito, xamais visto nos tribunais de xustiza.

Un deses denunciantes, Francis Franco, identificaba as “culpábeis” de que a súa familia perdera o Pazo de Meirás: “El Bloque Nacionalista Gallego y un señor que escribió un libro sobre el Pazo, el Carlos Babío este”. Un afago para vostede?
Eu dediquei moitas horas da miña vida a documentar e rescatar información, reconstruíndo a verdade do que acontecera en Meirás, desde a súa construción até practicamente os nosos días. Diso trata o libro Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio, de Manuel Pérez Lorenzo, que xunto a min é o autor dun volume que contribuíu a demostrar en sede xudicial os abusos, a extorsión e o espolio que supón toda a historia de como chega o Pazo de Meirás a Franco e despois á súa familia. 

O neto de Franco ten claro quen son as responsábeis do que aconteceu co Pazo, mais parece que outros actores emerxeron nos últimos tempos para atribuírse méritos que non lle corresponden e gañar –se me permite o uso dese termo tan mal adaptado á nosa lingua– o 'relato' do acontecido co Pazo de Meirás. Como analiza esta situación?
Ante iso está a sentenza de Meirás, que reflicte o que verdadeiramente aconteceu. Hai unha serie de actores e un relato fundamental, que é o da memoria histórica, o dos movementos sociais e das persoas que durante anos reivindicaron a devolución do Pazo de Meirás. Se algo queda de manifesto nas máis de 300 páxinas da sentenza é iso. Agora parece que algúns comezan a dar a batalla de Meirás, a pesar de que non estiveron durante os case 45 anos que durou todo este proceso, e xorden falando dos usos futuros de Meirás, sobre a memoria dunha escritora que ninguén nega que ten que estar presente, mais non podemos deturpar o relato de Emilia Pardo Bazán en conveniencia de determinados discursos que conveñen no século XXI.

A irrupción deses novos actores levou a que, sobre o futuro de Meirás, xurdise un bando que di que hai que construír o futuro do Pazo arredor da figura de Emilia Pardo Bazán, en contraposición a outro que defende a posta en valor da memoria histórica e do espolio. Cal se imporá?
Isto non o podemos converter nun Pardo Bazán, si, ou Pardo Bazán, non. Ela é a creadora das torres de Meirás, quen as deseña e constrúe, e ten unha vinculación literaria con ese lugar. Polo tanto, ten que estar en Meirás, ninguén o nega nin o discute. Agora ben, se o Pazo pasa a patrimonio público é por unha loita da memoria democrática contra a impunidade franquista, e ese relato ten que estar en Meirás de maneira prioritaria, porque o Pazo non vén pola memoria literaria de ninguén. E tamén porque houbo unha reivindicación social que durante moitísimos anos loitou por iso, e Meirás debe reflectir ese proceso de devolución, ese exemplo democrático. 

Está vostede a traballar nun proxecto de musealización ou aínda hai que avanzar nese tema?
Hai que andar máis aínda. A min non me corresponde traballar nese campo da musealización, pois o responsábel último de que o Pazo de Meirás cumpra coa súa función de Ben de Interese Cultural é o Estado. Pero, na medida en que me pida colaboración, opinión... por suposto que estou á súa disposición. 

O Pazo xa está en mans do Estado. Cando remate o procedemento xudicial será transferido á Xunta e volverá, polo tanto, a mans dos galegos e das galegas, ou comezará outra loita, esta vez co Estado, para conseguilo?
Se somos consecuentes, o Pazo debe ser propiedade dos galegos e das galegas, e unha vez que remate todo este proceso de devolución debe pasar á nosa Administración, pois o seu lexítimo dono é o pobo galego.

Para rematar, falemos da Casa Cornide. Agora mesmo está en proceso de que a declaren BIC, ao mesmo tempo que BNG e a veciñanza da Cidade Vella da Coruña denuncian que se están retirando obxectos do seu interior. Que se pode facer para evitalo? Ten a situación paralelismo co sospeitoso incendio padecido por Meirás en 1978, no que se "perderon" tantas cousas?
Na Casa Cornide perdéronse catro anos marabillosos nos que non se moveu un papel. En Meirás xa desde o ano 2007, estando Abel López Soto na alcaldía, instouse á tramitación de BIC do Pazo de Meirás, que logo resultaría fundamental. Así, mentres que en Meirás os Franco notaron na caluga o traballo feito, os Gobernos da Coruña só se dedicaron a facer propaganda.

"Un exemplo dunha Galiza que ten consciencia de seu"

En Madrid hai un Goberno, o estatal, que ten xente que se fai chamar de esquerdas, antifascista, e no que están integradas formacións como o propio Partido Comunista. Porén, aínda permanece activo o Ducado de Franco. Preguntado por esta cuestión, Carlos Babío pensa que a súa anulación, así como a do Señorío de Meirás, chegará non como unha graza concedida desde a capital do Estado, senón "cando o pobo galego teña consciencia de ter que loitar contra iso".

O investigador sadense pon como exemplo a devolución do Pazo de Meirás, "un modelo do que podemos conseguir os galegos e as galegas se tomamos consciencia de seu", pois "se non loitamos polo noso, non o vai facer ninguén desde fóra, nin sequera xente que se sitúa na esquerda española ou na súa forma galega, as Mareas.

Comentarios