Babío ve "surrealista" a querela da familia Franco contra el

De "surrealista" e de "mundo ao revés". Así cualifica o investigador Carlos Babío o feito de que se utilice o contido do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, para a sentenza que obriga a devolver o inmóbel ao Estado e, á vez, se empregue para sentalo no banco dos acusados por "inxurias e calumnias".
Carlos Babío no pazo de Meirás
photo_camera Carlos Babío, diante do Pazo de Meirás, nunha imaxe de arquivo.

O investigador Carlos Babío declarou nos xulgados de Betanzos pola querela penal presentada pola familia Franco por "un delito continuado de inxurias e calumnias" dada a súa intervención nun programa de televisión no que, di, relatou o recollido no libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, do que é coautor.

Após a declaración, Babío denunciou ante os medios de comunicación que é "surrealista" desde o punto de vista xurídico que a investigación plasmada na publicación se utilizase na sentenza que obriga a familia do ditador a devolver o Pazo de Meirás e, á vez, para que estes presenten denuncias contra el.

"Atopar un adxectivo que cualifique isto é complicado. É o mundo ao revés, un despropósito", lamentou o investigador, que resaltou que existe outra denuncia, por vía civil, que tamén se mantén aberta nun xulgado de Madrid. Na que declarou esta mañá por videoconferencia tamén se tramita naquela cidade e é de tipo penal.

"Desde un poder do Estado, como é o Executivo, pídeseme que achegue o relato; unha xuíza, doutro poder do Estado, dita sentenza recollendo todo o que se di no libro e outro xulgado de Madrid reconverte iso mesmo na posibilidade dun delito", resumiu Babío, que, na declaración, afirmou, "ratificouse" no dito.

"Anormalidade democrática"

Segundo expuxo, existe unha "anormalidade democrática" na "impunidade" que, di, sente a familia Franco ao presentar denuncias como a que lle afecta xa que, sinala, "podes acabar sentado no banco dos acusados soamente por dicir que había un Estado ditatorial, unha cousa tan evidente como esta".

Mentres, a deputada do BNG Mercedes Queixas, xunto a outra ducia de militantes nacionalistas, concentrouse ás portas dos xulgados de Betanzos para mostrar o seu apoio a Babío, ao que considera "un referente" "Demostrou que o que dicía é certo, o Pazo de Meirás é do pobo e debe volver ao pobo", defendeu.

Queixas manifestou a intención do BNG de "traballar para que sigamos recuperando todo o patrimonio colectivo que acabou de forma fraudulenta en mans da familia Franco" e citou a Casa Cornide ou as estatuas do Mestre Mateo.

Comentarios