domingo 19/09/21

Sada e a Deputación da Coruña lamentan que haxa que indemnizar os Franco

Mentres o Goberno estatal, a través do seu delegado na Galiza, amosa a satisfacción polo fallo da Audiencia da Coruña en relación ao Pazo de Meirás, o alcalde de Sada e o responsábel de Patrimonio da Deputación da Coruña lamentan que haxa de indemnizar os Franco e non concordan co feito de que a sentenza saliente que a familia do ditador non actuou de mala fe. Sada xa anunciou que recorrerá a decisión da Audiencia.
Primeira sesión do xuízo do Estado contra a familia Franco polo pazo de Meirás (Imaxe: Europa Press).
Primeira sesión do xuízo do Estado contra a familia Franco polo pazo de Meirás (Imaxe: Europa Press).

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Javier Losada, cualificou como unha "vitoria democrática" o fallo da Audiencia da Coruña que confirma que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado. Nel rexéitase, porén, "mala fe" por parte dos herdeiros de Franco e recoñécelles o dereito a ser resarcidos nos gastos en que incorreron desde 1975 para conservar o edificio fronte ao criterio mantido pola maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña.

Esta cuestión suscitou as críticas do Concello de Sada, cuxo alcalde, Benito Portela, confirmou a Europa Press que recorrerán a sentenza en relación a este asunto, e da Deputación da Coruña, cuxo deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, cualificou o feito de "anomalía".

Após coñecerse o fallo, o delegado do Goberno estatal en Galiza asegurou que a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, en resposta ao recurso presentado polo Franco contra a que ditou o xulgado de Primeira Instancia, "estimula para seguir traballando no proxecto de memoria histórica".

Dela, dixo tamén que "revalida a vitoria democrática que supón a devolución do Pazo de Meirás". "Reforza a tese que mantivo sempre o Goberno de España", engadiu.

Sada recorrerá a sentenza

Mentres, en declaracións a Europa Press, o alcalde de Sada, Benito Portela, valorou "o fundamental" do fallo, en relación "á declaración de nulidade de títulos, á expulsión do Franco do pazo e á incorporación ao patrimonio público".

Porén, trasladou a súa discrepancia no relativo a que se rexeite que houbo "mala fe" por parte dos herdeiros ou sobre a liquidación do estado posesorio, onde se argumenta que non hai probas de que os demandados fosen conscientes de que o título de propiedade do seu avó fose inválido. Para iso, o rexedor remitiuse ao ditame da comisión de expertos.

Un feito "anómalo"

Na mesma liña, o responsábel de Patrimonio da Deputación da Coruña e membro do Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, Xosé Luís Penas, cualificou de "incomprensíbel" que a xustiza "ordene darlle máis diñeiro aos Francos despois do inmenso patrimonio que conseguiron como herdanza do ditador, das propiedades roubadas ao pobo galego de forma ilícita".

"En lugar de esixirlles pagar o aluguer por todos estes anos de ocupación ilícita de Meirás, o que temos é que pagar cos nosos impostos aínda máis diñeiro pola utilización como vivenda privada dun inmóbel que se demostrou que era público", expuxo a Europa Press.

O deputado provincial, que manifestou que non é a primeira sentenza que lles "sorprende" -dixo sobre a condena a oito activistas que ocuparon simbolicamente a Casa Cornide, na Coruña- asegurou que agora farán unha lectura en detalle da mesma.

Con todo, cualificou de "clara anomalía" que se confirme que o Pazo de Meirás é propiedade pública "e, ao mesmo tempo, obrigar a pagar polos gastos". "Difícil de entender, sentenciou.

comentarios