Ánxel Casal terá, á fin, un monumento en Compostela

O Concello de Santiago, a instancias do BNG, erixirá un monumento a Ánxel Casal, en memoria do alcalde nacionalista asasinado en 1936 e fundador da editorial Nós.

Retrato de Ánxel Casal no acto polo seu 126 aniversario en que se volveu demandar erguer o monumento no seu recordo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Retrato de Ánxel Casal nun acto polo seu 126 aniversario (Foto: Nós Diario)

O BNG de Compostela informou na mañá da sexta feira de que o Concello de Santiago erguerá unha escultura en lembranza de Ánxel Casal, o que, para a formación da que é portavoz Goretti Sanmartín, representa “un grande acontecemento”.

"En ausencia dun acto institucional como merece, desde o BNG organizamos cada mes de agosto, coincidindo coa data do seu asasinato, unha tradicional homenaxe a Ánxel Casal, convertida nun evento para honrar con dignidade colectiva a memoria do alcalde nacionalista que tiña en proxecto unha importante transformación urbana e cultural para Santiago de Compostela", explicou Goretti Sanmartín a través dun comunicado de prensa.

"Con este monumento, Compostela disporá dun elemento para reparar a memoria histórica e dar a coñecer o labor de Ánxel Casal", sinalou, "un logro conseguido despois de ser aprobado a iniciativa do BNG no Pleno, na Comisión especial de memoria histórica e de insistir durante anos".

Casal foi integrante das Irmandades da Fala, fundador das editoriais Lar e Nós, membro do Partido Galeguista, impulsor do Estatuto do 36, vicepresidente da Deputación da Coruña e alcalde de Santiago de Compostela.

Proxectos truncados

A represión franquista e o seu asasinato, lembra o BNG, “truncaron proxectos de Ánxel Casal para destinar a Museo Nacional Galego o daquela denominado Hospital Real da praza do Obradoiro, que finalmente o franquismo converteu no Parador do Hostal dos Reis Católicos”.

Engaden as nacionalistas “a galeguización do rueiro de Santiago; a organización do Ano Xubilar compostelán de 1937 en colaboración con entidades sociais e culturais e coa Asociación de Escritores e Escritoras da Galiza recentemente constituída; o apoio ao cinema galego; a dotación de libros e dicionarios de lingua galega nas escolas; ou o deseño racionalista do Ensanche e dos novos accesos á cidade a través da que sería a Rúa de Galicia, co proxecto urbanístico de Antonio Palacios para "unha mellora importantísima dunha cidade insigne no mundo".

Comentarios