41º aniversario do asasinato de Moncho Reboiras

Mulleres detidas e exiliadas no agosto negro de 1975

Nacionalistas contra Franco

1980_reboiras_corcubion
photo_camera Cartaces lembrando a Reboiras en 1980 nas rúas de Corcubión [Imaxe XOAN CARBALLA]

Eran moitas naquel universo nacionalista de finais dos sesenta e dos primeiros setenta onde a militancia se contaba por ducias no mellor dos momentos. Urxe recuperar a súa loita, poñerlle cara ao compromiso e dar testemuño dos ideais que as movían. Precisamos restaurar a súa memoria porque é un capital político do que non podemos prescindir, divulgar o seu libro de estilo se acreditamos nas persoas ao servizo dos obxectivos políticos e poñer negro sobre branco a sementeira destas mulleres de ferro que hoxe recollemos. É necesario, ao fin, dar voz á historia das mulleres que fixeron o nacionalismo, das que ergueron sindicatos, organizacións e asociacións culturais, das que ocuparon responsabilidades e das que participaron na base. 

É necesario dar voz á historia das mulleres que fixeron o nacionalismo

Eran moitas, falamos das militantes nacionalistas na clandestinidade, das mulleres patria que viviron células, comités, xermes, trepias, que bailaron cárcere, exilio, pisos de seguridade, que festexaron nome de guerra, saltos e pásaos. Falamos de María Xosé Queizán e Natalia Gómez “Natacha” que participaron dos debates e do nacemento da UPG, de Sabela Pita e Saleta Goi con nos desde 1964 e até hoxe, de Carmela Arbones e de Natalia Escrig “A Cuqui”, motor da “Nova Canción Galega”e de EDIGSA; Luísa Viqueira, a exiliada filla de Xoán Vicente, Helena Mosqueira ou Pilar Xeremías a organizar partido na emigración de Mexico, Franza e Uruguai; Helena Veiguela, Carme López Teixeiro, Felisa García ou Pepa Baamonde a construír a UTEG; Maite Caramés e Marisa Canto no “aparato” en Vigo e de Lugo; Pilar Allegue, a dirixente do 68 madrileño,  Cuqui Fraguela,ou Carme Entenza, clandestinas na dirección da ANPG; Africa Leira e Pencha Santamaría, facendo Comisións Labregas e erguendo o povo contra Xove Nuclear e Xenoveva Ferreiro, artellando xermes sindicais, e María do Carmo García Negro, pensando xa Galiza e militando full time, e Marisa da Fonsagrada, movemento estudantil antes de ERGA, e Carme Fernández, construíndo movemento cultural e Nati, a mestra de Rianxo que tiraba propaganda, elaboraba “O Barbeiro Municipal” e agochaba a un Reboiras clandestino na súa casa. Eran moitas outras, aquí deixamos unhas pezas para facer o mosaico, pezas que hai completar con outras, máis aínda, novas e darlle forma para fixar, sen dúbidas, un capitulo da historia de nos, para lembrar, sempre, de onde vimos e a onde vamos, para homenaxear hoxe e mañá as nosas rosas.

Eran moitas, naqueles días negros de Agosto de 1975, que sufrían cadea e exilio polo seu compromiso patriótico

Eran moitas, naqueles días negros de Agosto de 1975, que sufrían cadea e exilio polo seu compromiso patriótico. Houbo un once, un doce e un trece e moitos máis días de Agosto no que entraron na cadea, como xa entrara Marisol Juarez , aquela moza da célula de Erga que dirixía Reboiras, con dezaseis anos, mulleres da Galiza enteira. N´A Coruña  Amparo Carracedo, en Vigo Margarita Vázquez Veras e Luz Rei Pousada, e en Compostela  Asunción Múñiz e Marisa Vázquez que non sairá da prisión até 1977. Máis unha vez Portugal, que xa acollera en 1846 aos fuxidos da revolución con Antolín Faraldo  á cabeza, pasa a ser morada das militantes da UPG que tiveron que abandonar o País. Ala, nun piso d´O Porto, desde 1974 atopábase a Delegación do Exterior deste Partido dirixida por Margarita Ledo, que se tivera que exiliar anos atrás ao ser sorprendida nun reparto de follas voandeiras, e que no seu traballo recibía o apoio da tamén exiliada Carme Graña Penedo, que fuxira de Galiza após ser desmantelado o aparato de propaganda da UPG n´O Morrazo en 1973. A comuna de refuxiadas en Portugal aumentaría neses días co establecemento no País veciño de Elvira Souto, Elsa Costas e Concha Fernández “Conchita”. Aquel Portugal de Abril que foi casa para as represaliadas galegas será tamén sé de ferrados de solidariedade para as que sufrían represión en Galiza ou estaban a poñer en marcha de novo unha UPG duramente golpeada pola represión.

Eran moitas, eramos, máis ou menos novas, as que o pasado Día da Patria Galega partillabamos en conversas na Carballeira a necesidade de achegar ás nacionalistas de hoxe á experiencia da xeración anterior, e rachar así o malfado que nos impuxo o Piñeirismo de ter que comezar de novo, unha sorte de táboa rasa que nos agochou a experiencia das que nos precederon na loita e que nos obrigou a mal descubrir pola nosa conta ás Bao Maceira, ás María Miramontes, ás López Jean, ou ás Marisol Morales, mulleres tamén de ferro naquel nacionalismo dos anos vinte e trinta. Moitas, tamén, máis ou menos novas, o 25 de Xullo declarabámonos parte do Partido de Reboiras, un partido que vai máis alá do corsé do sistema partidario galego, o partido que entende co futuro de Galiza depende das forzas políticas propias, o partido que pensa que sen autoorganización non hai autodeterminación, o partido que considera a liberación nacional como condición sine qua non para a mellora das condicións de vida das galegas e para calquera mudanza progresista do espazo ibérico e europeo.

Comentarios